O Museo de Lugo recibe 174 pezas de Xoán Anllo Vázquez
O Museo Provincial de Lugo vén de recibir unha importante doazón por legado testamentario de Xoán Anllo Vázquez (Feira do Monte, Cospeito, 1936-Madrid,2023).
O coleccionista, que xa en 2015 doara ao Museo a colección de arte africana, completou o seu mecenado cunha nova achega conformada por 174 pezas -cadros e obras enmarcados e pezas escultóricas e tridimensionais, así como carpetas de gravados, selos e pezas textís.
O conxunto, valorado en 160.000 euros no ano 2016, inclúe obras de arte contemporánea europea e pezas decorativas procedentes de Asia -na súa maioría -, África ou América. Entre as primeiras, destacan obras de Joan Miró, Antoni Tapies ou Susana Solano e dos galegos Jorge Castillo ou Antón Lamazares.
O persoal do Museo Provincial realizará nas vindeiras semanas tarefas de inventariado, restauración e catalogación das pezas recibidas, que amplían e diversifican os fondos do museo, nomeadamente no capítulo de arte gráfica europea contemporánea.
A deputada de Cultura Iria Castro e a directora do Museo Aurelia Balseiro destacaron a xenerosidade do coleccionista chairego co Museo Provincial e avanzaron que no último trimestre do anos se organizará unha exposición homenaxe sobre coleccionismo na que se exporán parte das pezas doadas.
Recentemente, o Museo de Lugo tamén recibiu unha nova serie de esculturas grazas á doazón da artista lucense Paula Noya. A artista achegou unha serie formada por catro esculturas de ferro, catro debuxos a lapis en papel e a fotografía Las Parcas.
En 2023 tamén recibiu, a través dunha doazón particular "a cabeza de Narla", unha peza arqueolóxica representativa da cultura castrexa que, mediante este ingreso, se mostraba por primeira vez ao público. A figura exponse na sala 9 da sección de Arqueoloxía do Museo.