O Museo Diocesano abre as súas portas para contemplar o patrimonio compostelán

'Os 365 rostros do Apóstolo Santiago', do artista David Planas. (Foto: Museo Diocesano)
A capital galega conta desde este mes cun novo espazo cultural de referencia. O Museo Diocesano de Santiago, situado no histórico mosteiro de San Martiño Pinario, abre as súas portas tras máis de 30 anos de espera para achegar ao público unha parte esencial do legado artístico e relixioso da cidade.

A apertura do Museo Diocesano de Santiago marca un fito. A idea de crear un museo deste tipo comezou a tomar forma a comezos da década de 1990, cando se fixo evidente a necesidade de dotar o patrimonio eclesiástico dun espazo estábel, ordenado e aberto á cidadanía. Durante décadas, moitas das obras máis valiosas permaneceron almacenadas, repartidas en dependencias relixiosas ou fóra do alcance do público, a pesar do seu interese artístico e documental.

Porén, o proxecto foi avanzando lentamente, en parte condicionado pola complexidade do patrimonio existente, pola adaptación dos espazos e pola necesidade de integrar criterios de conservación, seguridade e divulgación. Trátase dun legado que ten séculos de historia e que require dun coidado especial, tanto polo seu valor material como polo seu significado simbólico.

A elección do mosteiro de San Martiño Pinario como sede do museo responde a unha decisión estratéxica e simbólica. Este impoñente complexo monástico, un dos maiores da Galiza, forma parte inseparábel da historia de Santiago. Denominado San Martiño de Fóra e na actualidade Pinario, as súas orixes son altomedievais, mais hoxe combina partes renacentistas, barrocas e neoclásicas. O edificio foi durante séculos un centro espiritual, cultural e educativo de primeira orde. Hoxe, a súa arquitectura monumental convértese nun elemento máis do discurso museístico, facendo que a visita sexa tamén un percorrido polo propio edificio.

Durante a inauguración, o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, destacou que o museo nace coa intención de “pór en diálogo a fe e a cultura, a tradición e o presente”, e subliñou que as pezas expostas “son testemuñas dunha historia compartida, non só obxectos artísticos”. Segundo explicou, o Museo Diocesano pretende ser un espazo aberto, pensado tanto para as persoas visitantes ocasionais como para investigadores e investigadoras, estudantes e peregrinos. O percorrido expositivo distribúese en cinco niveis, que permiten unha aproximación gradual ás distintas etapas e expresións do patrimonio relixioso. Nas salas exhíbense esculturas, pinturas, pezas de ourivaría, tecidos litúrxicos e outros obxectos procedentes da Catedral de Santiago, de San Martiño Pinario e de parroquias da contorna.

Entre as obras máis destacadas atópase a escultura do “Santiago Matamoros”, atribuída a Gambino, unha peza coñecida e non exenta de debate polo seu significado histórico e iconográfico. A súa incorporación ao museo permite contextualizala e interpretala desde unha perspectiva histórica, afastada do mero valor ornamental. Responsábeis do proxecto explican que a súa exhibición busca “invitar á reflexión e ao coñecemento, non á contemplación acrítica”.

O museo inclúe tamén unha aposta pola arte contemporánea, entendida como unha ferramenta para reinterpretar o legado tradicional. Neste sentido, destaca o mural Os 365 rostros do Apóstolo Santiago, do artista David Planas, que propón unha lectura plural e actual da figura do Apóstolo.

Desde a dirección técnica do museo subliñan que a institución nace con vocación divulgativa. “Non se trata só de mostrar pezas valiosas, senón de explicalas, contextualizalas e facer comprensíbel e o seu significado para todo tipo de públicos”. Neste sentido, o deseño expositivo busca un equilibrio entre rigor histórico e accesibilidade, cunha atención especial aos textos interpretativos e ao percorrido didáctico.

Outro dos obxectivos do Museo Diocesano é reforzar o seu papel educativo. Para iso, está prevista a posta en marcha de programas didácticos dirixidos a centros escolares, visitas guiadas especializadas e actividades formativas pensadas para públicos diversos. Desde a organización explican que o museo quere ser tamén un espazo de aprendizaxe, no que o patrimonio sirva como ferramenta para transmitir valores culturais, históricos e sociais ás novas xeracións.

Ademais, o museo pretende consolidarse como un punto de encontro para a investigación e o diálogo cultural. A colaboración con universidades, especialistas en historia da arte e institucións culturais permitirá desenvolver estudos, publicacións e actividades que afonden no coñecemento do patrimonio diocesano.

Mostras e talleres

Os responsables do museo insisten tamén en que se trata dun proxecto vivo, pensado para evolucionar co tempo. As exposicións non serán completamente estáticas, senón que se renovarán periodicamente para permitir a rotación de pezas e mellorar a súa conservación. Ademais, están previstos novos desenvolvementos, como a creación dun taller de restauración, a ampliación das salas expositivas e a apertura doutros espazos do complexo monástico, incluíndo zonas exteriores.

Nunha cidade marcada pola chegada constante de visitantes, o Museo Diocesano preséntase como punto de referencia para comprender a historia, a arte e a identidade de Santiago, ofrecendo unha lectura máis pausada e profunda do seu patrimonio.

Tres décadas para facer realidade o novo museo

Trinta anos de espera non son poucos, sobre todo nunha cidade na que a contemplación e a divulgación do seu patrimonio é sinal de identidade. Durante ese tempo, moitas obras permaneceron fóra da vista pública, privadas do contexto e da explicación que merecen. A apertura do Museo Diocesano de Santiago, malia os 30 anos de demora, chega nun momento en que pode cumprir unha función esencial: Nunha Compostela marcada pola velocidade do turismo, este museo invita a mirar con calma, a deter o paso e a comprender. Non se trata só de admirar pezas valiosas, senón de entender por que existen, que función tiveron e que significado poden ter hoxe. Nese sentido, o museo ofrece  interpretación e contexto. San Martiño Pinario,que durante anos foi un espazo monumental pouco visitado, convértese agora en sede deste espazo expositivo. A súa apertura ao público como museo supón tamén unha recuperación simbólica dun edificio que forma parte da memoria colectiva, pero que moitas veces quedaba á marxe do relato turístico dominante. O reto, a partir de agora,será mantelo vivo, con programación, renovación de contidos e actividades que o conecten coa cidadanía.