A USC divulga cunha mostra a figura e obra de Alfredo Brañas
A mostra 'Alfredo Brañas Menéndez XIX-XXI. 125 anos do seu pasamento' chega ao Claustro Alto do Colexio de Fonseca para, en palabras da comisaria e profesora da USC, Belén Trigo, “buscar e descubrir os aspectos menos tratados” da figura deste intelectual rexionalista e “estabelecer un diálogo entre dúas épocas”, o século XIX e as primeiras décadas do século XXI. A exposición que pode visitarse até o 15 de xaneiro de 2026 conta cunha mostra bibliográfica con obras do autor e sobre o autor, documentos que obran no poder da USC, e 16 paneis que profundan en diversos aspectos da súa figura.
A mostra lanza unha ollada á figura e obra de Alfredo Brañas desde o século XXI, detense nos seus principais fitos biográficos, aborda a decadencia das estruturas do antigo réxime, a revolución xurídica e o cambio económico e demográfico, o papel do intelectual no Rexurdimento, o seu rol no seo da USC, a proposta rexionalista de Brañas, e profunda en como o autor concibe o futuro da Galiza, alén de abordar temáticas comúns na súa obra como o feminismo, a familia, a industrialización, ou a cuestión da terra desde distintas perspectivas.
Ideólogo do rexionalismo
Alfredo Brañas Menéndez (Carballo, 1859-Compostela, 1900) foi un xurista, escritor e ideólogo do Rexionalismo galego. Entre as súas obras, destaca a publicación, en 1889, de El Regionalismo. Estudio sociológico, histórico y literario. En 1890 participa na creación da Asociación Regionalista Gallega e en 1892 redacta Las Bases generales del Regionalismo y su aplicación a Galicia.
Os seus intereses abranguían o pensamento político e xurídico, a economía, a literatura, a historia e a cultura popular, tal e como reflicte a súa obra. Ademais da súa actividade profesional e académica, colaborou con diversos xornais da época, alén de formar parte do Rexurdimento, movemento rexionalista, cultural e literario, que aspiraba á recuperación da lingua galega.