A mostra 'A semente de vencer' lembra Moncho Reboiras na Coruña
Esta quinta feira abriuse ao público na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña a mostra A semente de vencer. 50 anos do asasinato de Moncho Reboiras pola ditadura franquista, que conmemora a morte de Xosé Ramón Reboiras Noia a mans da Policía española. O concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro, participou no acto de apertura e incidiu en que "o Goberno de Inés Rei está a facer un traballo intenso e coidado de recuperación da memoria democrática". Alías, na presentación estivo presente Vanesa Iglesias, comisaria da exposición, e Xesús Seixo. portavoz da comisión organizadora, que destacou a importancia das obras expostas para "dar a coñecer unha figura fundamental no nacionalismo galego".
A mostra está organizada polo comité organizador dos actos conmemorativos do 50 aniversario do seu asasinato, conformado polas fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo de Estatutos Nacionalistas e Galiza Sempre.
As artistas que participan da mostra son Laura Caneira, Ortigha, Cavalinho do Demo (Paula Pereira), Alejandro Mosquera, Ana de Vilatuxe, Pampillo Store (Theresa Lousame), Iago Fernández Díaz, Juanlu Nacha, Leandro Lamas, Celia Arcos, The Pink Pkink, Xiralúa, Revolta Creativa (Breo Alamancos) e Estudo Aldea. Vanesa Iglesias, comisaria da exposición, confesa que o resultado do proxecto é unha exposición moi ecléctica, tanto no enfoque de cada unha das persoas artistas como na elección dos medios para expresarse, polo que están presentes técnicas moi diversas. cerámica, ilustración dixital, téxtil ou bordados.
Unha das participantes, Paula Pereira, mostra na súa peza elementos simbólicos que remiten á continuación da loita. Nela identifícase un corazón, uns versos de Ferrín dedicados a Reboiras e raíces dun carballo plantado en Teis, onde viviu Reboiras. Alejandro Mosquera centra a súa obra nas ambigüidades da figura de Reboiras, a súa dupla afiliación ao rural e a industrial das cidades, así como o contraste entre a firmeza da súa acción política e a enorme empatía.
Moncho Reboiras tiña 25 anos cando foi asasinado na rúa que daquela se chamaba José Antonio Primo de Rivera e hoxe, rúa da Terra. Segundo o informe policial, os axentes encargados de detelo fixeron disparos ao aire -a versión habitual naquela altura- para "intimidalo". Pero, cousas da balística franquista, tres daqueles "disparos ao aire" atravesáronlle as costas. Reboiras puido refuxiarse no portal do número 27, onde a policía non entrou até dúas horas máis tarde, despois de metrallar a entrada e lanzar gases lacrimóxenos, para atopar o cadáver desangrado daquel xa bregado militante nacionalista dirixente da Unión do Pobo Galego e impulsor da autoorganización do pobo a nivel sindical, estudantil ou cultural.
Aquel asasinato da policía franquista tratou de ocultarse por todos os medios, aínda en 1981, o historiador Francisco Carballo foi condenado a seis meses de prisión por "inxurias á policía" por escribir que Reboiras fora asasinado, e o director de A Nosa Terra, Afonso Eiré, foi procesado por publicar a versión das vítimas do que ocorrera aquel 12 de agosto de 1975. Pero a memoria do pobo puido máis, e hoxe o nome de Moncho Reboiras é un símbolo que convoca todo un anaco da historia do país.
O vindeiro 14 de outubro a cidade da Coruña acollerá a presentación do libro 50 anos do asasinato de Moncho Reboiras. Moncho Reboiras: Símbolo da Galiza que Loita (1950-1975).