A mostra 'Seica na Coruña', de Xesús Carballido, pasa a ser catálogo

Xesús Carballido presentando a exposición o día da súa inauguración. (Foto: Concello da Coruña)
O artista carballiñés amosa cos collages "un estilo de vida".

O universo do artista carballiñés Xesús Carballido continúa exposto na mostra 'Seica na Coruña', que se pode ver no Quiosco Alfonso da Coruña até o 23 de novembro. A exposición, con máis dun cento de pezas construídas a partir de obxectos atopados e transformados, ademais de varios debuxos, contará agora cun catálogo que se presentará esta quinta feira coa presenza do propio artista. 

Comisariada por Marta Lucio, a exposición percorre distintas series da súa traxectoria artística. Segundo o historiador Felipe-Senén López, autor dun dos textos do catálogo, "Carballido argalla poesía visual con obxectos esquecidos, recoñecíbeis por todos, e convídaas a vivir de novo noutras narrativas, como quen ensambla versos soltos nun poema visual".

Un estilo de vida

"No collage é onde me sinto máis cómodo", admite o artista en declaracións a Nós Diario. Traballa recuperando cousas vellas "polo poderío e o tempo que teñen" para darlle "unha nova vida". A arte, para Carballido, "é un estilo de vida" que procura conservar, mesmo con accións que cada vez están máis en desuso hoxe en día, como "seguir enviando postais".

Na mostra, a modo de retrospectiva, amósase unha técnica coa que leva traballando desde inicios dos anos 90. "Alguén dixo algunha vez que a miña arte é cotiá, e é certo", indica. Para construír cada peza accede a materiais que atopa en mercados de vello viaxando, mesmo, á feira lisboeta da Ladra. Con todo, un dos seus lugares preferidos para atopar elementos para realizar as súas obras son os faiados galegos. "Comecei cos da miña familia para despois acceder a outros que me ofreceron amizades e xente que soubo do meu interese por recoller cousas que non querían conservar", asegura.

A escolla de 'Seica'

Cando comezou a realizar os collages, o artista decidiu procurar un nome que definise as pezas que realizaba. A elección recaeu na palabra 'seica'. "Tardei dous anos en atopar esa verba e escollina por significar que querías saber  algo máis", aclara. O carballiñés engadiulle unha numeración a cada peza para darlle, dalgunha maneira, un "nome". Despois, en cada mostra da súa obra sempre indica o lugar onde se exhibe. "Este foi o motivo polo que, neste caso, a exposición leva 'Seica na Coruña' por título", conclúe. 

Na mostra tamén se poden ver algúns debuxos da súa propia autoría. "Eu non son un pintor mais debuxo", clarifica. Por iso as súas obras nesta técnica salientan por ser sinxelas. "Busco debuxar coas mínimas liñas posíbeis e ademais tardo moito", descobre. 

"Facer un poema"

Preguntado pola súa temática, considera que en cada obra que quere "facer un poema, que transmita poesía á persoa que a mire cando visita unha exposición miña". E alén desta mostra que agora mesmo está aberta na Coruña garda no seu estudo unha obra "aínda por rematar" na que leva anos traballando. 

"É algo que teño en construción que ten un tamaño considerábel, algo así como se fixera un collage con 600 cadros", desvela. Con todo, esa grande obra "aínda por rematar" ten a peculiaridade de que non sempre aumenta en tamaño. "Aproveito para roubarlle algunha cousa", di. Por iso mesmo non pode asegurar se algunha vez poderemos ter a posibilidade de acceder a ela.