Moaña recupera o patrimonio marítimo e industrial da Seara
As carpintarías de ribeira de Casqueiro e Carlagho, en Moaña (O Morrazo), conforman desde onte un conxunto museístico aberto á veciñanza ao pé do mar. Son memoria da tradición marítimo-pesqueira da vila e agora, tamén, espazo de encontro e lecer.
Durante décadas, as carpintarías da Seara foron o corazón da construción de embarcacións artesanais, unha xoia do patrimonio mariñeiro da Galiza que o paso do tempo botou a perder. Con todo, no centro da vila conservouse un conxunto formado por dous estaleiros tradicionais máis unha vivenda que previamente funcionara como almacén de madeira, os únicos que quedan na ría de Vigo.
As carpintarías de Casqueiro e Carlagho, abandonadas até 2015, locen hoxe renovadas grazas ao empeño do Goberno local e da veciñanza moañesa, que soubo sortear as diferenzas para lograr un conxunto museístico fiel ás carpintarías orixinais, máis tamén respectuoso cos mandatos da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta da Galiza e de Costas do Estado español.
"A recuperación das carpintarías da Seara nace da necesidade da posta en valor do noso patrimonio marítimo-pesqueiro e industrial", explica a Nós Diario Leticia Santos, alcaldesa de Moaña (BNG). Segundo lembra, en 2016 xerouse un conflito veciñal moi importante arredor destas construcións ao se iniciar na súa contorna, pegado ao mar, "un paseo sen contar coas autorizacións pertinentes".
O conflito rematou cun "atentado" contra as propias carpintarías. En 2017, na véspera de que Patrimonio Cultural da Galiza protexese os estaleiros da Seara prendéronlle lume á carpintaría de Casqueiro, que quedou estragada por completo".
Nese momento, aclara Santos, o Goberno municipal fixou como prioridade "dar unha solución dialogada" a un choque que mantiña a veciñanza dividida entre quen defendía a continuidade e conservación do patrimonio marítimo-pesqueiro e quen avogaba por renunciar a el en favor dun paseo á beira do mar. Colectivos veciñais e culturais máis representantes políticos sentaron a unha mesa de diálogo que logrou sacar a adiante uns proxectos de consenso: a rehabilitación das carpintarías e unha humanización da contorna que garantise o paseo sen prexuízo dos estaleiros tradicionais.
"Eu creo que hoxe a veciñanza entende a necesidade de pór en valor as carpintarías de ribeira; por que era importante conservar este patrimonio marítimo-pesqueiro, a nosa traxectoria como vila mariñeira e o saber popular dedicado á construción de embarcacións que, co tempo evolucionou e deu lugar a estaleiros tan importantes como os de Ascón, nos anos 60 e 70, cuxo espazo hoxe ocupa Rodman", destaca a alcaldesa.
Faixa costeira peonil
Onte, Moaña asistiu á inauguración dos edificios rehabilitados, embelecidos para perduraren no tempo. O de Casqueiro, pensado como espazo museístico e sociocultural, e o de Carlagho, habilitado como carpintería de ribeira, se sigan a facer e a rehabilitar embarcacións. Un 95% dos traballos de renovación desenvolvéronse co financiamento da Consellaría do Mar a través dos fondos Galp e da Deputación de Pontevedra. O resto foron achegas do Concello, que agora espera os últimos permisos de Costas para finalizar a humanización da faixa costeira vertebrada por un itinerario peonil e ciclábel que unirá a parroquia de Meira con Cangas.