Milladoiro fecha este sábado a Romaxe Artesá da Chaira de Muras
A Romaxe Artesá da Chaira é unha cita ineludíbel no calendario cultural e festivo da comarca da Terra Chá, desde que o Goberno local de Muras comezara a organizala hai agora nove anos.
A edición deste ano do evento arrancou ás 11 horas coa apertura do espazo da feira, que este ano reuniu 25 artesáns procedentes de diversas localidades da comarca da Terra Cha.
O alcalde de Muras, Manuel Requeixo, sinala a Nós Diario, que "temos un espazo limitado, senón contaríamos con máis artesáns" e lembra que "este ano temos ferreiros, tallistas, canteiros de pedra ou luthiers"
"Esta actividade naceu para rescatar os oficios tradicionais que se están perdendo e pólos en valor", afirma Requeixo, quen desataca que " a romaxe contribúe á promoción turística de Muras e á dinamización económica pola gran cantidade de xente que vén de fóra".
Requeixo destaca que "este encontro está dirixido a un público familiar, por isto temos actividades para todas idades". Na mesma dirección, incide na aposta do evento pola música e cultura galega de calidade.
Os actos da mañá
A programación de mañá contempla xogos tradicionais para as crianzas, talleres de talla de madeira a cargo de Borja Insua, espectáculo de regueifa da man do alumnado do IES Basanta Silva de Vilalba e a inauguración dunha exposición fotográfica de Maider Pumariño.
A música é un dos pratos fortes do encontro. Así, para o público infantil actuarán Peter Punk e Brais das Hortas, Mekánica Rolling Band e Pakolas en diversos momentos do encontro.
O histórico grupo de musica galega Milladoiro porá remate á Romaxe Artesá da Chaira cun concerto que arranca as 21:15.