Marga Tojo gaña a edición 2024 dos Premios SELIC coa novela negra 'Sarela'

Marga Tojo e Míriam Louzao. (Foto: Concello de Santiago)
O xurado considera que a obra Sarela é merecedora da edición deste ano “por tratarse dunha obra ben estruturada, áxil, interesante e que, ademais, achega unha perspectiva da nosa cidade moi actual”.

Marga Tojo é a gañadora da oitava edición dos Premios SELIC de creación literaria pola súa obra Sarela, novela negra ambientada en Compostela na que se presentan cuestións e inquedanzas da sociedade presente ao tempo que relata feitos da historia local recente.

O xurado considera que a obra Sarela é merecedora da edición deste ano “por tratarse dunha obra ben estruturada, áxil, interesante e que, ademais, achega unha perspectiva da nosa cidade moi actual”. Nesta novela, indicou o xurado, “preséntanse cuestións e inquedanzas da sociedade presente, como a perspectiva de xénero, a de clase, a diversidade afectivo-sexual ou os conflitos laborais, ao tempo que relata feitos da historia local recente”. 

Así mesmo, o xurado sinalou o acerto de situar unha novela negra en Compostela, “feito que contribuirá, sen dúbida, a anovar as temáticas relacionadas coa cidade, alén dos tópicos históricos ou turísticos”.

A gañadora do Premio SELIC recibirá unha recompensa económica de 6.000 euros e a súa obra será publicada na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.

O xurado que seleccionou a obras gañadora desta edición dos Premios SELIC estivo integrado por Arancha Rodríguez Fernández, Daniel Asorey Vidal, Llerena Perozo Porteiro, Manuel Portas Fernández e Óscar Senra Gómez asistidos polo técnico municipal de programación e xestión cultural, Xesús Amado Reino, en calidade de secretario, con voz e sen voto. 

Marga Tojo

Marga Tojo González, nada en Santiago de Compostela, é unha xornalista e poeta galega. É colaboradora de diversos medios dixitais e traballou para medios como Nós Diario, Galicia Hoxe, Público, Altermundo, Revista Luzes ou Praza. Desenvolveu proxectos sociais e culturais. É autora dos poemarios Cara de velocidade (Kalandraka), premio internacional de poesía para nenos e nenas Cidade de Orihuela, Arder (Positivas), Últimos bruídos (Positivas) ou do ensaio Maternidade fóra de catálogo (Xerais).