'Maré' e 'Narices!' gañan o XX Premio Castelao de Banda Deseñada

Integrantes do xurado do XX Premio Castelao de Banda Deseñada. (Foto: Deputación da Coruña)

Maré, un proxecto do colaborador de Sermos Galiza Manuel Barreiro Rozados e de Elías Oliver Taño, impúxose na categoría xeral, mentres que Narices!, de Giovanna Lopalco, venceu na modalidade de literatura infantil e xuvenil deste galardón que entrega a Deputación da Coruña.

A área de cultura da Deputación da Coruña vén de facer pública a decisión do xurado do XX Premio Castelao de Banda Deseñada, un certame que cada ano "reafirma o compromiso da institución co apoio á creación artística e á posta en valor do talento literario e gráfico", tanto no ámbito xeral como na literatura infantil e xuvenil (LIX). Ambas as categorías están dotadas cun premio de 6.500 euros para a obra gañadora.

Na modalidade xeral, a obra galardoada foi Maré, un proxecto de Manuel Barreiro Rozados —colaborador de Sermos Galiza na sección de crítica literaria— e Elías Oliver Taño. O xurado destacou a potencia e o impacto da súa proposta gráfica, que, cun estilo singular, "evoca o imaxinario da clase obreira e do mundo mariñeiro, ofrecendo unha narrativa visual profundamente coherente co relato que sustenta o proxecto".

Pola súa parte, na modalidade LIX, a obra premiada foi Narices!, da autora Giovanna Lopalco. A decisión foi unánime, e o xurado quixo salientar "a orixinalidade do proxecto, o seu estilo fresco e persoal, así como o seu carácter dinámico e lúdico". Narices! propón unha experiencia de xogo que, ademais de entreter, amosa un gran potencial de futuro no ámbito da literatura xuvenil.

A decisión foi tomada polo xurado reunido no Pazo Provincial o 7 de xullo, baixo a presidencia de Natividade González, deputada de Cultura, e coa participación das gañadoras da anterior edición, Sandra Lodi e Laura Suárez Fernández, e de especialistas do ámbito cultural: Tomás Guerreiro García, Sara Prieto Puy e Pablo Prado Fernández. A presidenta do xurado agradeceu "a implicación das persoas integrantes do xurado" e sinalou que, por criterio de obxectividade, decidiu non participar no debate nin facer uso do seu dereito ao voto.

O Premio Castelao de banda deseñada, convocado pola Deputación da Coruña e que celebra neste 2025 a súa vixésima edición, representa un "firme respaldo ás creadoras e creadores que escollen a banda deseñada como medio de expresión artística". É, tamén, un recoñecemento ao "valor cultural desta disciplina e ao seu papel fundamental na promoción da lingua galega, da identidade colectiva e da imaxinación creadora".