Localizan novas mámoas nos Ancares, algunha cunha antigüidade de 6.000 anos
Polo colectivo Patrimonio dos Ancares e na zona de Becerreá.
O colectivo Patrimonio dos Ancares vén de documentar dúas novas mámoas nesta zona, en concreto no Concello de Becerreá. Un achádego feito grazas á información facilitada por unha veciña.
“Foi na serra de San Pedro, na parroquia de Cascallá, a 795 metros de altitude, próximas a unha ruta sinalizada polo Concello entre as aldeas de Todón e San Pedro”, indica o colectivo.
O primeiro enterramento ten unhas medidas de 18 metros de diámetro e unha altura de 0,80 metros. “Sobre o túmulo hai gran cantidade de pedras de lousa e cuarzo que formaban parte da coiraza que o recubría. Entre a maleza vense dúas pedras de considerables dimensións que puideron formar parte do dolmen que agochaba no seu interior”.
A segunda medora, explican é de menores dimensións, ten un diámetro de 12 metros e unha altura de 0,30 metros, perdendo gran parte da masa tumular ao ampliar un camiño. A súa antigüidade ronda os 6.000 anos, afirman desde o colectivo.
“Segundo informacións, nesta penichaira había, no mínimo, outras tres mámoas que foron destruídas hai décadas polos labores agrícolas e forestais”.
Por outra parte, informa Patrimonio dos Ancares, desde o Servizo de Xestión Cultural da Consellería de Cultura comunicáronlles que, despois da comprobación efectuada polos seus arqueólogos, xa catalogaron tres mámoas que o colectivo documentara no Monte Brueiras, na parroquia de Guilfrei, e outra máis no sitio da Pena da Leira, na parroquia de Ferreirós de Valboa, todas no concello de Becerreá. “A localización desta última foi posible grazas á documentación antiga, no presente caso aos Interrogatorios do Catastro de Ensenada levados a cabo no ano 1752”.