No IES Eduardo Pondal reivindican as tradicións galegas cun túnel do terror
O IES Eduardo Pondal de Compostela conmemora o mes dos mortos cunha actividade participativa que pon en valor a tradición e a cultura galega.
Un cemiterio moi especial, instalado nos vestiarios do IES Eduardo Pondal, emprazado no barrio compostelán de Conxo, gardou as tumbas de escritores e escritoras galegas como Carlos Casares, Xela Arias ou María Mariño.
A recreación engadiu este ano unha igrexa abandonada, onde un crego, o padre Manuel, recibiu ao alumnado do centro, encomendándolle a misión de atravesar o cemiterio para chegar á casa reitoral, onde foron partícipes dun exorcismo.
O espectáculo, que foi visitado por 600 alumnos e alumnas do centro nesta edición de 2025, corre a cargo de 16 integrantes da comunidade educativa que fan parte do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Eduardo Pondal.
A participación do alumnado
A coordinadora do Departamento de Dinamización Lingüística, Inés López, sinala que "estas actividades atraen ao alumnado a participar no Equipo de Dinamización Lingüística como iniciativa de comezo de curso.
"A todos nos fai moita ilusión e é un bo xeito de facer o inicio das clases máis lixeiro", asegura López, quen destaca a participación doutros departamentos do centro na organización da actividade.
"Tivemos que facer todos os decorados desde cero", continúa López, que indica que "só quen se implicou sabía o tema deste ano, que é o exorcismo, con todo desacralizado".
Equipo de Dinamización Lingüística
Unha alumna do instituto, Cecilia Pérez, apunta que "o Equipo de Dinamización Lingüística está formado por 25 alumnos e seis profesores que colaboraron durante un mes enteiro para facer todos os decorados dende cero e ensaiando os seus papeis".
"Isto é tan só unha actividade das moitas que organizamos ó longo do curso", conclúe Pérez, quen significa o labor Equipo de Dinamización Lingüística do IES Eduardo Pondal.