Laura Caneira: "Inspírame o que me rodea e a natureza da Galiza, como se pode ver nas miñas ilustracións"
—Ten unha mirada propia á hora de ilustrar o mundo. Que a inspira?
Sobre todo esa necesidade visceral e creativa que teño. A nivel temático inspírame o mundo que me rodea, teño unha conexión moi importante coa natureza da Galiza. Iso pódese ver en gran parte das miñas ilustracións. Tamén me inspiran os corpos e as persoas, aínda que non hai unha identidade clara detrás delas si que intento que teñan unha importancia nas miñas obras. Gústame moitísimo xogar coas cores, coas composicións e coas texturas. Ultimamente estou tentando tirar moito cara a temáticas que teñen que ver coa comunidade, máis reivindicativas. Tamén hai imaxes que son máis intimistas, tenras e poéticas.
—Como inflúe Galiza no seu imaxinario visual?
Creo que inflúe sobre todo pola parte da natureza. Eu son galego-venezolana, mais levo xa máis anos vivindo na Galiza que en Venezuela, da que marchei e nunca volvín. Si que penso que a natureza é moi importante.
De feito, dentro dun par de días publicarase un cartel que fixen para unha mostra de artes de Huesca, que trata sobre Galiza. E nesa imaxe intentei reflectir esa relación que sinto coa Galiza e coa natureza e ese espazo íntimo que ocupa para min na miña vida diaria e persoal.
—Traballa moito coa síntese e coa contención. É unha decisión estética ou tamén social, nun contexto visual cada vez máis saturado?
Diría que é unha decisión visual. Cando estudaba, o que máis me interesaba era o realismo e tentar representar a realidade o mellor posíbel. Logo decateime de que iso era moi aburrido e non me interesaba para nada.
Ademais esta síntese permíteme xogar máis con isto a nivel compositivo, entender as cores e os planos como un puzzle ou como un ritmo visual. Intentar atopar patróns na imaxe que poidan ofrecer un percorrido visual ao espectador e á espectadora.
—Unha das súas creacións, 'O Apalpador', ilustra a capa de 'Nós Diario' deste 24 de decembro. Como considera que pode a ilustración achegar a cultura popular aos cativos e ás cativas?
A ilustración é unha ferramenta importantísima sobre todo nos tempos en que vivimos, nos que presenciamos como aparecen álbums ilustrados que están realizados con intelixencia artificial xerativa. A ilustración é cultura visual e leva os nenos e as nenas e tamén as persoas adultas a seren críticas e a pensar por elas mesmas sobre que imaxes están consumindo e sobre que historia se lles está contando a través desas imaxes. É moi importante que as ilustracións teñan un espazo na vida da cativada e vexo imprescindíbel que tentemos buscar o vínculo da tradición coas artes plásticas. Por exemplo, a miña intención coa ilustración 'O Apalpador' é reivindicar esta figura do Nadal, que é unha festa importante na nosa cultura occidental.
Hai que saír das figuras típicas que veñen doutros territorios que nada teñen que ver connosco e que están ligadas a unha cultura do consumismo, tendo aquí unha figura tan rica e interesante que deberiamos reivindicar a nivel de cultura da Galiza contemporánea.