A iniciativa 'Cantar a Nación' enche o Teatro Principal de Compostela
"Boa noite e boa música. Estamos no Teatro Principal, pero tamén estamos na Habana, onde se interpretou o Himno galego por primeira vez. É unha noite de emoción, de reivindicación, de forza, de talento, e seremos quen de recuperar a versión fidedigna do noso himno".
Así comezou o músico e escritor Xurxo Souto, encargado de conducir e presentar o acto Cantar a Nación organizado pola Federación Galiza Cultura e a Plataforma Vía Galega, que decorreu esta sexta feira no Teatro Principal de Santiago.
As palabras de Souto foron proseguidas das intervencións da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, e da voceira de Vía Galega, Lucía Veciño. Durante todo o acto non faltou a música na voz do Coro da Ra e a dun dos grupos de referencia da música galega contemporánea na actualidade, De Ninghures. Ambas formacións uníronse para interpretar a versión fidedigna do Himno galego.
Cantar a Nación supón a conmemoración do aniversario da estrea do Himno galego. Neste sentido, o evento que xa se desenvolveu en Lugo, Pontevedra, A Coruña, Vigo e Allariz, e o seu obxectivo é homenaxear o Himno da Galiza no 118 aniversario da súa estrea no Gran Teatro da Habana, en Cuba, como un dos signos representativos da Galiza como nación.
O acto musical serviu para amosar a importancia de difundir e socializar a letra fidedigna do Himno, unha finalidade que foi a base da iniciativa de Vía Galega e da Federación Galiza Cultura presentada a finais de 2022 a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP), a cal reuniu ao redor de 16.000 sinaturas e logrou que a restitución da letra himno fose debatida no Parlamento galego no mes de setembro de 2023.
A deturpación do Himno é considerada desde ambas as plataformas algo "inadmisíbel", destacando que esta é froito "dunha desidia e dun autoodio terríbel por parte do Goberno da Xunta da Galiza". Lembran tamén que hai 33 anos o profesor da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro comprobou as alteracións e erros que se foron transmitindo no Himno, alleos ao texto orixinal de Pondal.
O Himno en Ferrol
Cantar a Nación continúa este sábado en Ferrol ás 19 horas no Salón de Actos do Antigo Hospicio. Neste caso, a interpretación do Himno chegará coa voz dos cantantes locais Xoán Padín, Nélida Santiago e Lúa Abeixón.