Informe demoledor: o Consello da Cultura alerta dos riscos para o patrimonio derivados dos cambios legais propostos pola Xunta
O Consello da Cultura Galega, institución consultiva creada polo Estatuto de 1981 coa encomenda legal de asesorar a Xunta en materia cultural, vén de emitir un informe onde alerta dos riscos para o patrimonio da proposta formulada polo Goberno galego coa Lei de acompañamento dos orzamentos de 2026.
O Consello da Cultura Galega (CCG) cuestiona a legalidade do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Galiza para 2026. Nun relatorio elaborado por este organismo estatutario, que ten entre as súas encomendas legais a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, alértase das modificacións que o Goberno galego pretende introducir na Lei do patrimonio cultural da Galiza a través do proxecto lexislativo de contas para o vindeiro ano.
O informe redactado pola Comisión técnica para a elaboración de informes de patrimonio e bens culturais do CCG, ao que tivo acceso Nós Diario, destaca que nun "contexto de alta presión social, económica e política sobre as políticas urbanísticas, de vivenda e de explotación produtiva do territorio, as opcións regulatorias que o lexislador galego pretende implantar co proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas descansan na vontade de reducir as vinculacións protectoras do noso patrimonio, liberalizando –“simplificando”— a súa xestión mediante a súa remisión ás administracións máis expostas a esas presións".
"Esta vontade liberalizadora", recolle o relatorio do Consello da Cultura Galega, "suscita problemas constitucionais, na medida en que, ao camiñar nun sentido oposto ao das obrigas de conservación e enriquecemento do patrimonio cultural que a Constitución atribúe aos poderes públicos [...] poden pór en risco de perda, destrución ou deterioración irreversíbel moitos dos bens protexidos que integran o patrimonio cultural da Galiza, isto é, boa parte da herdanza cultural que conforma a nosa identidade como pobo e que deberiamos legar ás seguintes xeracións".
O eixo central da proposta de reforma da Lei do patrimonio cultural da Galiza recollida no proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas para 2026 é a supresión da autorización previa da Consellaría de Cultura para as intervencións que se pretendan realizar en bens catalogados con protección estrutural e ambiental, ou ben nas súas contornas de protección e zonas de amortecemento, atribuíndo aos concellos esa competencia, cuxo exercicio require de medios humanos e técnicos dos que carecen a maior parte dos municipios galegos.
A modificación lexislativa impulsada polo Goberno galego estabelece que os concellos deberán determinar durante o procedemento de concesión de licenza urbanística, á que están sometidos os actos de edificación e uso do solo, se as actuacións propostas cumpren coa normativa de protección dos valores culturais e patrimoniais. A este respecto, diversos profesionais en materia de conservación de patrimonio apuntan a Nós Diario que "estas modificacións supoñen un retroceso de máis de 40 anos na protección do patrimonio cultural galego".
O Consello da Cultura Galega refírese a esta cuestión no seu relatorio. Así, apunta que "da análise do contexto legal e patrimonial no que se realizaría a derivación de competencias autorizatorias aos concellos conclúese que esta reforma non ten suficientemente en conta unha serie de factores relevantes", recollendo entre estes "a inexistencia dun Catálogo de Patrimonio Cultural da Galiza actualizado, unificado, uniforme e coherente", a "insuficiencia e a falta de formación específica do persoal técnico municipal" ou as dificultades "para exercer unha adecuada ponderación de intereses nas administracións máis próximas aos cidadáns".
O relatorio advirte de que o novo marco normativo proposta pola Xunta non considera "a ausencia de sistemas de control autonómico ex post [após de] sobre a concesión de licenzas municipais, incluída a inexistencia dun corpo autonómico de inspección do patrimonio cultural". Na mesma dirección, asegura que o proxecto lexislativo podería estar incumprindo diversas partes do articulado da Lei de bases de réxime local.
Empresas enerxéticas
As empresas enerxéticas aparecen entre as grandes beneficiadas desta reforma. Así, a Lei de medidas fiscais e administrativas modifica a Lei de protección da paisaxe, fixando como "prevalente" o "interese público superior da autorización de parques eólicos e as súas estruturas de evacuación na tramitación dos seus procedementos". Na mesma dirección, considera que a instalación de parques eólicos "é compatíbel cos obxectivos de calidade paisaxística" recollidos nas Directrices da Paisaxe da Galiza.
O Consello da Cultura Galega advirte das circunstancias nas que se formulan estas mudanzas lexislativas. A este respecto, sinala que "no contexto patrimonial no que se realiza esta reforma é moi relevante a falta de actualización, homoxeneización e adaptación á Lei 5/2016 dos inventarios e catálogos municipais de patrimonio cultural". Ao tempo, lembra que a Lei 5/2016, coñecida como Lei do patrimonio cultural da Galiza, "contén máis de 20 remisións a un desenvolvemento regulamentario, sen que nos nove anos de vixencia se teña elaborado ningunha disposición distinta das que regulan a composición e funcionamento dos órganos asesores"
Outro cambio legal de gran magnitude pola porta de atrás
A Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña a proposta de orzamentos tense convertido no instrumento empregado nos últimos 15 anos polo Goberno galego para modificar, prescindindo do trámite ordinario, aqueles textos lexislativos que non son do agrado do Executivo. Neste caso, propón unha mudanza da lexislación en materia patrimonial que significa unha rebaixa na protección dos bens culturais, cuxa legalidade cuestiona o Consello da Cultura Galega.
A actual reforma implica unha nova modificación da Lei do patrimonio cultural da Galiza. Así, desde que foi publicada a norma en 2016, todos os anos, agás en 2020 –ano da pandemia–, producíronse cambios nos seus articulado, dirixidos a reducir a protección dos bens patrimoniais baixo o argumento de simplificar a tramitación das autorizacións protectoras das intervencións sobre estes bens.
As mudanzas recollidas no proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas de 2026 teñen un alcance maior ao dos exercicios anteriores. Neste sentido, implican un cambio radical na estrutura de protección dos elementos patrimoniais, nunha dirección.