Ignacio Vilar e Dósio Álvarez estrean o filme 'O Seixoval, a montaña máxica'
O Claustro do convento de Celanova acollerá este sábado a estrea do documental O Seixoval, a montaña máxica, unha produción da Fundación Vía Láctea polo Cinema Galego. O filme, de 45 minutos de duración, conta con guión e produción de Dósio Álvarez e dirección de Ignacio Vilar, e afonda na historia social, económica e tamén simbólica das minas de estaño situadas nos concellos de Gomesende e Ramirás, no corazón da comarca de Celanova.
O documental relata a importancia histórica da explotación de estaño iniciada a mediados do século XIX, impulsada pola familia Viso Estévez, que obtivo a concesión de 500 hectáreas de terreo para a súa explotación. Destaca especialmente a figura de José Viso, coñecido como Don Pepito, impulsor dunha actividade mineira que alcanzou sona internacional: o estaño extraído chegou a exhibirse na Exposición Universal de París pola súa calidade excepcional.
A obra recolle tamén o esforzo humano colectivo que fixo posíbel esta actividade: milleiros de persoas da contorna, homes e mulleres, que traballaron duramente nun contexto de escasa mecanización e case nulo investimento. A través de testemuños reais, o documental dá voz á memoria popular, afondando nas condicións laborais, o traballo feminino e invisíbel, o estraperlo e outros aspectos esquecidos da vida diaria arredor das minas.
Pero O Seixoval, a montaña máxica vai máis alá do rexistro histórico: é tamén un canto á beleza, ao misterio e á forza dun territorio castigado polo abandono institucional pero cheo de dignidade, cultura e natureza. É unha historia local con dimensión universal, un retrato de “algúns”, como sinala Dósio Álvarez, pero tamén a historia de “todos e todas”. Unha montaña máxica que, grazas ao cinema, resoa agora máis viva ca nunca.