Héitor Picallo, enxeñeiro e investigador: "O coleccionábel ten un valor práctico para coñecer os mosteiros e a súa contorna"
Nós Diario publica en outubro e novembro o coleccionábel sobre os máis relevantes mosteiros altomedievais da Galiza. O primeiro fascículo chegará co xornal deste sábado, 18 de outubro, e até o 20 de novembro un novo número verá a luz de martes a venres. O seu autor, Héitor Picallo, explica as singularidades de 'Mosteiros medievais senlleiros do Reino da Galiza', que amosa de maneira didáctica 18 cenobios escollidos en representación dos máis de 500 que se conservan desta época.
O ensaísta, enxeñeiro e investigador Héitor Picallo é o autor do coleccionábel de Nós Diario 'Mosteiros medievais senlleiros do Reino da Galiza'. Esta singular guía realizouse após Picallo consultar considerábel documentación dos cenobios e de visitalos persoalmente.
—Que importancia teñen os primeiros mosteiros na historia da Galiza, os que precisamente dan inicio a este coleccionábel?
Moita. Conserváronse mellor que os edificios civís, como por exemplo os castelos ou as torres, sobre todo por ter unha evolución estética e funcional diferente. Nos séculos XII e XIII as de carácter civil estaban construídas con madeira e, polo tanto, dependían de materiais perecedoiros. Xa con posterioridade introducíronse materiais moito máis nobres, como a pedra de grao.
De inicio escollín San Pedro de Rocas [Esgos, comarca de Ourense] e San Xiao de Samos [comarca de Sarria] como os dous que abren o coleccionábel por ser os máis antigos, polo menos no que ten a ver coa súa datación. Por exemplo San Pedro de Rocas, posibelmente o mosteiro máis antigo da Galiza, estaría datado na época de San Martiño de Dumio. Os estudos tentan localizalo, sobre todo a maior parte da súa construción, polo século VIII aproximadamente. Porén, os máis actuais remóntanos a un pasado bastante pretérito. Tanto é así que López Quiroga e Figueiras Pimentel falan de moito antes por constatar, na contorna do lugar, un altar pétreo que nos podería remontar á épocas anteriores á era actual.
Hai, mesmo, unha especie de gravado de mans nun lenzo vertical dunha parede exterior á intemperie. Poderiamos estar falando da Idade do Bronce. Estamos pensando en que nesa contorna hai probas de relixiosidade que teñen máis de 3.000 anos. Por este motivo creo que estariamos ante un monumento único na península Ibérica e un dos máis interesantes de Europa. Ademais ten un sitial tamén rupestre, exterior, cualificado como único nese espazo xeográfico. Rocas sempre se viu, a nivel estético, como interesante por ser un mosteiro cavernícola mais hai moita máis información que se debería divulgar. Ademais o que vemos ten relación coa época de San Martiño de Dumio, polo tanto vinculado á súa zona de Panonia de onde procedía. Neste sentido, ten ecclesia e paraecclesia, mais non nave central e naves laterais.
—E que papel xogaban na época estes cenobios máis alá da súa función relixiosa?
Os grandes señores estaban vinculados directamente con estes núcleos de poder. Eran os grandes núcleos ao redor dos que medraron eses señores feudais laicos, sobre todo nos séculos XII, XIII e XIV. Despois erguían as súas propias fortalezas e mansións desde as que, en moitas ocasións, disputábanse os dominios dos seus territorios.
—Cal foi o criterio que seguiu vostede na escolla e clasificación dos mosteiros protagonistas para este coleccionábel?
Foron varios. Van dezaoito, mais podían ir moitos máis. Tiven en conta unha orde cronolóxica, comezando polo mosteiro do que se conservan documentos máis antigos. Así na clasificación o primeiro é San Pedro de Rocas, que a nivel estético e simbólico é moi interesante por partir dun eremitorio dos séculos V, VI e VII. Despois Samos por ter unhas orixes moi semellantes e contar cunha edificación próxima como San Salvador, a capela do Ciprés, que tamén é esteticamente atractiva. Ademais é unha das grandes abadías galegas que chega até épocas bastante próximas cun número bastante importante de monxes.
Outro criterio foi a orde monástica á que pertencían ou a súa influencia relixiosa. Por exemplo había uns que estaban vinculados a San Martiño de Dumio e outros a San Fructuoso de Braga. Ademais tiven en conta os da rede bieita, os da reforma da orde de Cluny e os do Císter. Non se tentou abranguer moito máis ca iso polo que non entraron os da orde de Santo Agostiño nin aqueles conventos de ordes mendicantes ou terceiras como Santa Clara ou San Francisco. Quixen delimitar para non reunir temas moi diferentes, como é o caso tamén dos mosteiros militares. Despois tamén considerei a súa localización xeográfica, se estaban máis ou menos próximos do mar e se, situándose no interior, estaban a determinada altitude sobre o nivel do mar. É o caso do de San Salvador de Sobrado en Trives [Terra de Trives] aínda que tamén se podería falar do de Santa María de Montederramo [Terra de Caldelas] como o de maior altitude.
Outra cuestión importante era a de xénero. Non só houbo mosteiros masculinos senón tamén outros humildes, e non tan humildes, vinculados a unha familia regular feminina. Por exemplo, San Pedro das Ramirás [Terra de Celanova], que foi un destes grandes mosteiros, ou outros máis simbólicos, como o de San Miguel de Eiré [Pantón, Terra de Lemos]. Este último, malia ter unha igrexa de pequenas dimensións ten un edificio fabuloso. Tamén se tiveron en conta mosteiros de propiedade particular, dun grupo nobre local. Mesmo mosteiros dúplices, onde convivían, con instalacións separadas, unha comunidade relixiosa masculina e unha comunidade relixiosa feminina.
—Que dificultades atopou para o estudo da documentación orixinal referente aos mosteiros galegos que tratou neste mesmo coleccionábel?
Hai mosteiros que teñen unha documentación reducida, ben porque foron moi humildes, ben por ter desaparecida polo proceso de desamortización. Tamén hai outras circunstancias que reduciron esta información de primeira man, como por exemplo os incendios, polo que non podían reconstruír parte da súa historia. Pola contra, hai moitos que contan con importantes coleccións diplomáticas e con conxuntos de volumes de transcricións dos seus textos. Neste caso consérvanse no propio mosteiro ou trasladáronse ao Arquivo Histórico Nacional en Madrid. Neste último emprazamento, por exemplo, consérvanse máis de 8.000 pergamiños vinculados con máis de cincuenta mosteiros galegos.
Alén diso, hai transcricións paleográficas que fixeron persoas como Manuel Lucas Álvarez, Xosé Miguel Andrade Cernadas ou Francisco Xavier Pérez Rodríguez para poder empezar a mergullarse no asunto con criterio e con rigor pola profesionalidade destes autores. Porén, tamén tiven oportunidade antes de consultar as fontes orixinais, por exemplo, no mosteiro de San Xulián de Moraime para tentar ver se aparece realmente o documento tal e como o publicaron os paleógrafos. Tamén buscar algún tipo de nota marxinal ou polo anverso do documento que nos dea información. Dentro de varios fascículos veranse pergamiños interesantes, como o de San Breixo e San Martiño de Arcos de Furcos que data dun mosteiro dúplice do ano 898.
—Visitou persoalmente antes os cenobios que tratou neste traballo. Como atopou, por unha parte, o seu estado de conservación e, por outra, a facilidade de visita e difusión do patrimonio que gardan no seu interior?
A súa situación é moi variada. Nos que están en pé e teñen uso parroquial non teñen dificultade algunha. Un exemplo son os de San Bartolomeu de Rebordáns [Tui, Baixo Miño] ou o de San Xiao de Moraime [Muxía, comarca de Festerra]. Despois hai outros, como o de Santa María de Ferreira de Pallares [Samos, comarca de Sarria] no que hai que facer previamente a xestión de chamar ao Concello, que nos pase un contacto da persoa que garda a chave e acordar un determinado día para poder ir visitalo. Para min é moi importante lembrar a función que teñen as persoas que gardan nas súas mans as chaves destes templos. Facilitan a visita e a súa bonhomía é digna de aplaudir. É o caso de Pablo Gay, en Pallares.
Mais despois vemos, por exemplo, as instalacións monásticas, o que sería un edificio de residencia das monxas, que existían aí, que a día de hoxe se utiliza como reitoral, pois está basicamente esborrallado. Caen as madeiras do teito e non se pode acceder, digamos, cun mínimo de seguranza por parte das persoas visitantes.
Outro tema importante é que hai obras de iconografía relixiosa destes mosteiros, que se trasladaron, por exemplo, a Astorga. Tamén o de Sobrado de Trives, por pertencer á diocese de Astorga, ten alí algunhas pezas. Non sei até que punto podemos estar trasladando patrimonio galego alí, igual que o que se trasladou en documentación ao Arquivo Histórico Nacional.
—Como percibe a poboación próxima aos cenobios estas xoias do patrimonio?
Hai xente próxima, da contorna, que identifica o mosteiro como algo propio, algo a conservar. Vémolo, por exemplo cando se quere trasladar unha imaxe relixiosa cara a outro lugar. Para estas persoas supón unha frustración e un trauma. Nótase tamén cando se realiza algunha restauración e a obra queda ben, amósanos como verdadeiras xoias. A xente sabe máis do que parece. Outra situación que demostra a valoración deste patrimonio é o constante circular de persoas doutras latitudes que lle dan tanto ou máis importancia a estes mosteiros. En Rocas, por exemplo, podíamos ver ingleses e alemáns afirmando que ese lugar debería coñecerse en toda Europa. Para que se valore están tamén as persoas guías. Sería inxusto non nomear Eugenia Muñoz de Xunqueira de Espadanedo, aínda que o cenobio non se seleccionou.
Descubrir os segredos dos 18 mosteiros que se amosan no coleccionábel
O coleccionábel 'Mosteiros medievais senlleiros do Reino da Galiza', que achega Nós Diario, introduce nas súas páxinas, ademais de elementos arqueolóxicos, de arquitectura e antropoloxía cultural de cada cenobio, recomendacións que o propio autor sinala para ver na contorna en cada un deles. Héitor Picallo elaborou varias propostas a partir da súa propia experiencia, a doutras voces contrastadas e de estudar cada caso en particular. "Recomendamos visitar edificios relixiosos onde se conserva unha arquitectura singular de tipo románico ou gótico", indica o investigador. "Por exemplo, en Santa Comba de Bande orientáronme Anselmo López Carreira e Carlos Baliñas", aclara. Nese caso tivo en conta que alén do mosteiro de referencia no coleccionábel tamén se poden visitar "o de Celanova ou a Torre de Vilanova dos Infantes". Para o autor, o valor didáctico desta obra que entrega o xornal é "que sexa práctica coa intención de que quen a empregue, alén de viaxar, coñeza tamén os lugares que visita".