Ghaleb Jaber Ibrahim recibe o Premio Talento 2025 da Academia de Televisión
O fundador e presidente de CTV é distinguido esta sexta feira pola súa contribución decisiva ao desenvolvemento do audiovisual estatal e galego nun acto que se decorrerá no Auditorio Caja de Música de CentroCentro, en Madrid.
O fundador e presidente da produtora galega CTV, Ghaleb Jaber Ibrahim, recollerá esta sexta feira en Madrid o galardón dos Premios Talento 2025 da Academia de Televisión e das Ciencias e Artes do Audiovisual, unha distinción que recoñece a excelencia de profesionais que traballan maioritariamente detrás das cámaras e que "contribuíron de forma decisiva ao valor do audiovisual estatal".
Ghaleb Jaber Ibrahim expresou o seu agradecemento polo recoñecemento e quixo compartilo co conxunto do sector audiovisual galego, que cualificou de exemplo de crecemento sostido desde a creación da Televisión da Galiza. Durante máis de corenta anos, "profesionais creativos e técnicos traballaron incansabelmente para exportar a capacidade produtiva da Galiza ao resto do mundo", sinalou, destacando tamén o papel das plataformas na proxección internacional das producións galegas.
Desde o audiovisual ao ámbito social, cultural e filantrópico
Fundador de CTV en 1985, un ano antes do inicio das emisións da TVG, Ghaleb Jaber Ibrahim foi unha figura clave na construción do sistema audiovisual galego. A produtora foi pioneira en múltiples ámbitos, desde a instalación da primeira antena parabólica con tres canles na Galiza, a creación do colectivo de dobraxe en galego até a posta en marcha de grandes formatos de entretemento, ficción e series que marcaron época. Entre os seus fitos máis recentes figura O sabor das margaridas, o primeiro thriller en lingua galega en chegar a Netflix con distribución en máis de 190 países.
Nado en Nablus (Palestina) en 1950 e afincado na Galiza desde a súa mocidade, Ghaleb Jaber Ibrahim desenvolveu unha ampla traxectoria empresarial, cultural e filantrópica. É tamén fundador da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, impulsora do Festival Internacional de Cinema Euroárabe AMAL, e un firme defensor do diálogo entre pobos e culturas, unha dimensión que atravesa tanto a súa obra profesional como o seu compromiso social.
Xunto a Ghaleb Jaber Ibrahim, a Academia de Televisión distinguirá nesta edición a profesionais como Gema R. Neira, Pere Vila, Esther González, Jorge Ventosa, Paloma Juanes, Lola Molina, Óscar Montesinos, Fernando Castelló, Idoia Bilbao, Juan de Dios Mellado e Pilar Cerisuelo.