Galaxia conmemora o seu 75º aniversario cunha gran exposición
Onte tivo lugar a inauguración, no Auditorio da Sede de Afundación, en Santiago de Compostela, da exposición Crear porvir. 75 aniversario Editorial Galaxia, unha mostra que percorre a historia da editorial, desde a súa fundación en 1950 até a actualidade, salientando o seu papel clave na evolución cultural da Galiza contemporánea e a súa proxección exterior.
A exposición Crear porvir está comisariada por un equipo dirixido polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Henrique Monteagudo, acompañado pola profesora de literatura galega, María Dolores Villanueva Gesteira e polo catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Dasilva Fernández. Percorrerá a Galiza ao longo de 2025, facendo escala nas sete grandes cidades galegas.
A mostra articúlase en catro bloques temáticos que convidan a percorrer a literatura e os seus autores e autoras, desde o Rexurdimento ata a xeración do novo milenio; o ensaio e o pensamento galegos, con estudos sobre a lingua, a historia, a sociedade e a ecoloxía, así como proxectos de referencia como a revista Grial; a tradución e a proxección internacional, co galego como lingua de recepción e creación universal; e a literatura infantil e xuvenil, onde Galaxia foi pioneira con coleccións e espazos dirixidos ao público máis novo. A exposición conta tamén cun espazo para público infantil que convida a ler e gozar da edición para as idades máis novas.
Neste proxecto destácase o labor de autoras e autores, como Castelao, Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Paco Martín, Xohana Torres, Carlos Casares, Fina Casalderrey, Manuel Rivas, Yolanda Castaño, Paula Carballeira, Domingo Villar, Xesús Fraga, Xosé Manuel Núñez Seixas, Marilar Aleixandre…; editores, como Carlos Casares e Víctor F. Freixanes…; e fundadores da editorial, como Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Xaime Isla Couto e Francisco Fernández del Riego; ademais de títulos que axudaron a conformar o panorama literario da Galiza, configurando unha visión global da edición galega durante o franquismo e a democracia.
O deseño expositivo correu ao cargo do estudo Desoños, que propón unha sorte de bosque de estruturas móbiles onde se sinalan dun xeito visual e dinámico os nomes, publicacións e feitos singulares desta traxectoria.
Ao longo destes 75 anos, Galaxia publicou perto de 3.500 títulos, con obras de máis de 1.500 autoras e autores, cnunha aposta firme pola dignidade e a normalización da nosa lingua e cultura. A singularidade da empresa radica no seu compromiso político e cultural e no feito de que inviste os seus beneficios na propia editorial.Ao longo da súa traxectoria,recibiu galardóns como a Medalla de Ouro de Galiza e o Premio da Cultura Galega, en recoñecemento á súa contribución á nosa identidade e á modernización cultural, ademais de contar con numerosos premios estatais, que poñen en valor a creación literaria galega.