A gala dos Premios Mestre Mateo, onde arrasa 'Rapa', convértese nun clamor contra Altri

Mónica López, recollendo o do Premio Mestre Mateo de Mellor interpretación feminina protagonista cun autocolante contra Altri na súa chaqueta. (Foto: @chandasbocas)

A serie Rapa foi a grande triunfadora da edición de 2025 dos Premios Mestre Mateo, marcados nesta ocasión pola oposición do sector do audiovisual ao proxecto de celulosa de Altri.  

O rexeitamento ao proxecto de celulosa de Altri en Palas de Rei, na comarca da Ulloa, marcou esta ano a gala de entrega dos Premios Mestre Mateo, desenvolvida na noite do sábado en Lalín cunha elevada concorrencia.

A oposición á pasteira deixouse notar nas intervencións dos premiados e condutores da gala, nas chapas e nos autocolantes que portaban moitos dos asistentes e no ambiente que se respirou no recinto.

As persoas presente no acto non tardaron en facer pública a súa oposición á pasteira. Practicamente ao comezo do mesmo, as palabras da actriz e condutora da gala, Teté Delgado, “pode pasar altricousa” foron respondidas masivamente polos presentes co berro de “Altri non”.

'Rapa'

A liña e o ton crítico co proxecto da pasteira pairou durante toda a noite polo acto, onde serie Rapa, dirixida por Jorge Coira e Javier Cámara, rematou como gran gañadora tras sumar 11 galardóns.

Rapa, que partía como principal favorita, logrou entre outros, o premio a Mellor serie de televisión, Mellor guión, para os seus creadores Pepe Coira e Fran Araújo e Mellor dirección, para Jorge Coira e Javier Cámara.

A seria alcanzou, tamén, os premios de Mellor interpretación feminina protagonista e Mellor interpretación masculina protagonista e de reparto, nas persoas de Mónica López, Darío Loureiro e Diego Anido.

'As Neves'

A longametraxe As Neves, de Sonia Méndez, foi outra das vencedoras da noite cos premios á Mellor longametraxe, á Mellor interpretación feminina de reparto para a actriz Lucía Veiga e ao  Mellor son para David MachadoJavier Pato e Daniel Fernández.

Os premios na categoría curtametraxes recaeron en Pura de Carmen Méndez no apartado de Mellor curtametraxe de imaxe real e en Eu vou conmigo de Abano Producións no apartado Mellor curtametraxe de animación.

O galardón ao mellor documental reaeu en Filmei paxaros voando, filme de Zeltia Outeiriño producido por Sétima e Ringo Media. Nesta edición o do Premio de honra recibiuno Encarna Alonso, en recoñecemento a unha profesión, a de script, feminizada, invisibilizada e fundamental para manter a continuidade, o chamado 'racord'.

Ausencia de Alfonso Rueda

A gala contou coa presenza dos conselleiros de Cultura, José López e de Educación, Román Rodríguez, representantes dos Gobernos das catro de deputacións galegas, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e. Un ano máis volveu faltar Alfonso Rueda.