Fundacións e entidades literarias galegas instan o Goberno español a propor tamén Galiza como membro asociado da Unesco

Sede da Unesco en París, Francia. (Foto: Europa Press / Contacto / Vincent Isore)
"A ausencia da Galiza como aspirante a membro asociado", di o comunicado presentado por 17 fundacións e entidades literarias galegas, "constitúe unha inaceptábel discriminación".

Dezasete fundacións e entidades literarias galegas veñen de instar o Goberno español, nunha declaración pública, a que o Executivo estatal inclúa Galiza como membro asociado da Unesco, tal e como anunciou que ía facer con Euskadi e Catalunya. Piden, aliás, á cidadanía e ás institucións galegas que respalden esta reclamación.

Deste modo, as entidades entenden que "Galiza, como comunidade cultural e lingüística singular e diferenciada, debe ter presenza específica na Unesco, exactamente igual e polos mesmos motivos que Catalunya e Euskadi".

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou o pasado mes de decembro que o seu Executivo promovería que Catalunya e Euskadi se convertesen en membros asociados da Unesco e da Organización Mundial do Turismo (OMT), organismo tamén dependente da Unesco. Porén, e segundo confirmou a Nós Diario o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, a Xunta da Galiza que preside Alfonso Rueda non tería interese en que o país estea representado nestas institucións internacionais.

Agora, e aínda que a Xunta non fixese a solicitude formal correspondente, fundacións e entidades literarias galegas instan o Executivo estatal a que pule tamén pola integración da Galiza na OMT e na Unesco, un organismo especializado das Nacións Unidas que ten como obxectivo promover a paz e a seguridade mundial mediante a cooperación internacional en materia de educación, artes, ciencias e cultura. A Unesco centra os seus esforzos no recoñecemento e a difusión da diversidade cultural e o diálogo entre pobos, que son esenciais para a paz e o desenvolvemento da Humanidade e, "xa que logo", explican as entidades, "constitúe un espazo privilexiado para o recoñecemento, a cooperación e a visibilidade das culturas do mundo".

"A ausencia da Galiza como aspirante a membro asociado", explica o comunicado das entidades, "constitúe unha inaceptábel discriminación. Segundo as fundacións asinantes, o país, "ao igual que Catalunya e Euskadi, é unha comunidade autónoma coa consideración institucional de nacionalidade histórica e non existe causa ninguna para que non se beneficie desa propábel incorporación".

Asinan o documento dirixido ao Goberno español a Asociación Évame Oroza, a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, a Casa-Museo Xosé Manuel Pazos, a Casa Natal de Otero Pedrayo e Vicente Risco, a Fundación Antón Losada Diéguez, a Fundación Alexandre Bóveda, a Fundación Eduardo Blanco Amor, a Fundación Eduardo Pondal, a Fundación Insua dos Poetas, a Fundación Isla Couto, a Fundación Manuel María, a Fundación Margarita Ledo Andión. Casa da Galería, a Fundación Novoneyra, a Fundación Penzol, a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Xosé Neira Vilas e o Hotel Literario Bela Fisterra.