A Fundación Granell celebra os seus trinta anos cunha exposición
A Fundación Eugenio Granell inaugurou esta terza feira a exposición Granell cumpre 30 anos, un proxecto comisariado por Eduardo Valiña que conmemora o triséximo aniversario da entidade.
A finais de marzo do ano 1995 creábase en Santiago de Compostela a Fundación Eugenio Granell, un proxecto que se configuraba como un dos referentes máis importantes do Surrealismo a nivel nacional e internacional.
A institución conformábase como un lugar de acollida dun extenso patrimonio que contaba con parte da obra máis representativa de Granell, unha colección de arte de vangarda onde están obras dos artistas máis representativos dos movementos de transformación plástica do século XX, ou unha colección de arte étnica.
A mostra supón un percorrido expositivo polas diferentes etapas artísticas e vitais de Eugenio Granell desde a súa vinculación coa Galiza como referente de moitas das súas producións ao longo de toda a súa vida e incide especialmente na ideoloxía do artista como membro destacado do POUM, a súa participación activa durante a Guerra Civil e o posterior exilio que o levará a un proceso itinerante por Santo Domingo, Guatemala e Porto Rico até afincarse nos EUA.