A Fundación Alexandre Bóveda reclama a anulación da sentenza que o condenou a morte
Coincidindo co aniversario do seu nacemento, a Fundación Alexandre Bóveda presentou unha solicitude na Subdelegación do Goberno na que se reclama a reparación e recoñecemento persoal da figura do nacionalista ademais da anulación da sentenza que o condenou a morte.
A Fundación Alexandre Bóveda rexistrou na Subdelegación do Goberno de Pontevedra a solicitude de declaración de reparación e recoñecemento persoal da figura do nacionalista. Unha delegación da entidade na que participaron o neto de Bóveda, Valentín García Bóveda, o concelleiro de Pontevedra Luís Bará ademais de Ernesto Vázquez Rey Farto, vogal da Fundación, presentaron a solicitude no día do 112 aniversario do nacemento de Bóveda.
A iniciativa busca tamén a anulación da sentenza que condenou ao nacionalista por un tribunal de militares sublevados. A solicitude conta tamén co amparo do alto comisionado da ONU para a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición, Pablo de Greiff quen
fixo no seu informe mención expresa ao nome de Bóveda para esixir a rehabilitación da súa figura. O informe elaborado por Greiff, que visitou Galiza o pasado ano, insta a recuperar pública e politicamente tamén as figuras de Lluís Companys e Manuel Carrasco i Formiguera ademais da de Bóveda.
Desde a Fundación agardan que a solicitude sexa resolta nun prazo máximo de 6 meses e amparan a súa petición na Lei da Memoria Histórica de 2006.