Francisca Herrera, pioneira da novela en galego e primeira académica electa
Como Jane Austen, Francisca Herrera (A Coruña, 1869-1950) viviu nun ambiente pouco favorábel ao mundo da creación literaria, compara Camiño Noia. A súa vocación de escritora emerxeu sendo nova, coa descuberta da poesía de Rosalía de Castro. E malia pertencer á burguesía coruñesa castelanfalante, decidiu publicar en galego, primeiro poesía e despois narrativa longa. “Convértese así nunha pioneira en galego neste xénero literario, e pódese dicir que na voz de muller máis importante no campo literario da xeración das Irmandades da Fala”, valora Noia, catedrática emérita da Universidade de Vigo, no volume que recompila a obra escrita na lingua do país de quen foi a primeira académica electa e protagonista do Día das Letras Galegas de 1987.
A filóloga presentou esta segunda feira, en Oleiros (comarca da Coruña), Francisca Herrera y Garrido. Obra en galego, acompañada polo presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes; o rexedor da vila, Ángel García Seoane; e o sobriño neto da escritora, José Leoncio Areal, editor do libro, nun acto coorganizado pola Academia e o Concello de Oleiros. A investigadora recuperou en 1981 a figura da autora —estreitamente vinculada ao concello, onde pasou longas tempadas— como a primeira narradora en galego do século XX coa reedición da novela Néveda (1920). Catro décadas despois, sae do prelo esta completa contribución na que, a iniciativa de José Leoncio Areal, a profesora asumiu a edición de todos os seus textos literarios en lingua galega, que abranguen, xunto a Néveda, outros títulos de narrativa e poesía, así como varios inéditos.
Camiño Noia ofrece ademais no volume unha completa biografía da escritora, a quen define como vítima das súas ideas conservadoras. “Herrera escribe fóra do seu tempo textos de inspiración romántica e folletinesca cargados de sentimentalidade tópica, de fonda relixiosidade e en defensa da muller esposa e nai. Tiña condicións e medios para chegar a ser unha grande escritora, de liberarse da súa educación tradicional nun catolicismo integrista. Mais esa bagaxe impediulle participar nos círculos literarios coruñeses e madrileños onde se falaba da literatura moderna, da evolución das artes e da sociedade, que a farían reflexionar e abandonar as ideas rancias do patriarcado”, analiza.
E malia esta bagaxe, Francisca Herrera sorteou os prexuízos lingüísticos da época, valora tamén o presidente da Academia. “Superou os clixés que limitaban o galego á expresión poética e cultivou unha prosa dotada dunha notábel riqueza léxica”, recoñece Víctor F. Freixanes, quen lamenta que a longa demora na tramitación do seu ingreso na Academia impedise que chegase a ler o seu discurso, dedicado a Rosalía de Castro. Designada o 4 de marzo de 1945 académica de número, redactou a alocución cunha rapidez excepcional e entregoulla á institución o 11 de abril dese mesmo ano. A Academia tardou dous anos en decidir que fose Antonio Couceiro Freijomil quen lle dese resposta, e este tardou outros dous en redactar a súa intervención. Herrera y Garrido faleceu en novembro de 1950, aos 81 anos de idade, sen que aínda se fixase data para a súa recepción oficial como a primeira muller membro do pleno da corporación que botara a andar en 1906.
O volume presentado esta segunda feira inclúe tamén unhas notas biográficas nas que José Leoncio Areal afonda, entre outras cuestións, na correspondencia que Francisca Herrera mantivo co ensaísta francés Philéas Lebesgue entre o Nadal de 1920 e a primavera de 1950, a quen lle escribiu practicamente sempre en galego.