'Folcast', unha nova serie de podcast sobre oralidade e música tradicional

Maite Ferreiro, Xosé Gago e Iria Castro. (Foto: Nós Diario)
O primeiro episodio presentarase este domingo, 18 de maio.

Coincidindo coa fin de semana das Letras Galegas, que este ano recoñece o papel das cantareiras na transmisión da poesía oral, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo lanzou esta segunda feira a serie de podcast Folcast, un percorrido pola oralidade e a música tradicional de Lugo. A deputada de Cultura, Iria Castro; a concelleira de Cultura de Lugo, Maite Ferreiro, e Xosé Gago, coordinador de Folcast canda Branca Villares, presentaron o proxecto, formado por dez episodios que se difundirán ao longo do ano.

Gago sinalou que o obxectivo de Folcast é "crear un artefacto colectivo mediante entrevistas que ofrecen unha ollada ampla e poliédrica sobre o fenómeno". Investigadoras, intérpretes, representantes do tecido asociativo ou escritoras pasarán polos micrófonos de Folcast, que percorreron as distintas comarcas na procura das portadoras e das transmisoras da poesía tradicional da Galiza.

Os episodios terán entre 45 e 60 minutos de duración e contarán cunha emisión mensual na páxina web da Deputación de Lugo e en distintas plataformas, aínda que tamén se emitirán algúns episodios especiais. Para estar ao tanto das emisións púxose en marcha un perfil de Instagram (@folcast_radio) no que, ademais, se poderá acceder a contido extra.

Unha homenaxe a Concha de Agrade

O primeiro episodio ten como protagonista a Concha de Agrade, unha das informantes que tivo Dorothé Schubarth para a elaboración do Cancioneiro Popular Galego, obra magna da etnomusicoloxía galega.

A súa presentación oficial terá lugar este domingo, día 18, nunha extensa xornada de homenaxe que se celebrará na que foi a casa de Concha, en San Vicente de Agrade, en Chantada (comarca homónima), ás 13 horas. No acto participarán  o fillo de Concha, Suso do Rei; Alba María, investigadora e intérprete; Isabel Vigo, técnica do APOI do Museo do Pobo Galego; a deputada Iria Castro e Xosé Gago.