'Manuel Rivas, un fértil alcouve', por Fina Casalderrey
Foi no verán de 1991 —na Quinta do Outeiral, máis coñecida como Boega, en Vilanova da Cerveira— cando o, daquela, editor de Xerais Víctor Fernández Freixanes apareceu cuns exemplares de Os comedores de patacas dun tal Manuel Rivas: “Lédeo, paga a pena. Este mozo ha chegar lonxe”. E alí mesmo, á sombra dun cedro centenario, comezou a prender en min a historia de Sam, un adolescente enganchado ás drogas. A tenrura, o lirismo, o humor, a retranca, a axilidade para nos transportar aos mundos que describe con palabras que son coma inxeccións intravenosas directas aos sentimentos, con esa súa forza emocional, esa sensibilidade que —como diría I. Calvino— non se pode simular para escribir unha novela se non se sente; todo iso xa estaba alí, naquela historia cuxo título está inspirado no cadro de Vicent Van Gogh creado en 1885, unha pintura que tamén quería expresar a vida dura, no seu caso, a campesiña.
Non era en absoluto a súa ópera prima, o de Montealto xa publicara varios libros de poemas e dúas novelas, pero na miña leira persoal comezou a prender con esa historia do que logo foi un fértil viveiro. Dende entón a súa traxectoria foi sempre ascendente como escritor, máis tamén como activista que resiste, que reivindica, que se molla a favor dun mundo máis habitable para todos, todas...
A lista de recoñecementos é inabarcable neste espazo. A finais de outubro de 2024 foi galardoado co Premio Nacional de las Letras Españolas. A primeira vez que un escritor galego acada semellante distinción. Porén imos ao que quería chegar. O pasado venres, 25 de abril —casualmente o mesmo día en que se conmemora a “Revolución dos Caraveis” que un 25 de abril de 1974 se alzou pacífica contra a ditadura portuguesa—, no Ateneo de Madrid recibía Manuel Rivas o galardón que cada ano outorga o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO, asociación que vela polos dereitos de autoría e edición), o Premio CEDRO 2025, nun salón ateigado de público e eu tiven a fortuna de estar alí, en directo —esa maxia do streaming—, e puiden gozar da Negra sombra interpretada polo guitarrista Álvaro Toscano; das palabras que a presidenta de CEDRO, Carme Riera, dedicou a reivindicar os dereitos de autor diante dese plaxio universal que significa a IA, se non se regula, e a loar a traxectoria de Rivas; outrosí, as que lle dedicou Yolanda Díaz, Vicepresidenta segunda do Goberno, que foi a encargada de lle entregar o premio; tiven a oportunidade de escoitar o que, de seu pai, dicían Martiño e Sol: “Para meu pai o folio non está en branco, en realidade é unha capa de neve. Todo está escrito, só hai que lla sacar”, “Ler algo del era como volver á casa”; escoitei os amigos: “Todo é Manuel Rivas en Manuel Rivas”, “Desvela cousas que nin sequera todos os bos xornalistas fan”, “É un poeta que se resiste a ser só poeta”... Houbo discursos brillantes, máis ou menos esperados, pero chegou o momento Manuel Rivas onde a erudición, o lirismo, o relato acaído, a anécdota precisa, a memoria, a reivindicación, a denuncia, as emocións... se volveron ondadas que nos ían enchoupando paseniño, sen nos decatar. Un fermosísimo discurso que contiña o mundo! As súas palabras obraron o prodixio, converteron o salón nunha catedral en plena celebración eucarística. Eu puiden sentir os latexos de todos os presentes, ou talvez fose o meu propio corazón, orgullosa de cadrar con el nalgúns tramos do camiño, non só na RAG, un galego que demostra que escribindo en galego podemos voar por riba dos tellados do mundo.
Cando rematou, co público posto en pé, totalmente seducido pola súa palabra e polo ton pousado de quen se baleira en cada palabra que pronuncia, recibiu unha ovación apoteótica. E eu, nunha reacción espontánea, sen sacar os ollos da pantalla do meu ordenador, tamén me puxen en pé e aplaudín con gana.
Si, Manuel Rivas é un fértil alcouve de palabras con ánima, de emocións que transplantadas en versos, relatos, ensaios medran vizosas en quen o le e mesmo en quen o escoita falar. Parabéns, Manuel!