'Fillos do Vento: A Rapa' preséntase no Festival Europeo de Sevilla

Proxección de 'Fillos do vento'. (Foto: Cedida)
Brais Revaldería expón a obra que pasou por Cannes no recoñecido evento andaluz.

Após a súa selección oficial no Festival de Cannes (Francia) de 2025 –na categoría 'Cannes Immersive Competition'– e o seu paso por Hot Docs (Canadá), Fillos do Vento: A Rapa estréase cunha proxección inmersiva única no Cartuxa Center CITE, dentro do marco do Festival Europeo de Sevilla de 2025.

A obra, escrita e dirixida por Brais Revaldería (Lugo, 1982) achega esta experiencia cinematográfica inmersiva que rodou durante sete anos consecutivos nos populares montes da parroquia estradense de Sabucedo (Tabeirós-Terra de Montes). 

"Non é espectáculo. É unha loita pola memoria", asegura o cineasta lugués. Neste sentido, Revaldería considera que o documental da súa autoría "pregúntase que clase de natureza queremos preservar". A obra combina realismo documental con tecnoloxía inmersiva de última xeración, integrando unha proxección envolvente de 270° en 8K, mediante 8 proxectores. Ademais, emprega diferentes elementos sensoriais como difusores de aroma e efectos físicos sincronizados. 

"Herdanza e progreso"

A produtora e directora de arte deste documental, María Fernanda Ordoñez Morla, asegura que o seu obxectivo foi procurar en todo momento "borrar a liña entre observador e participante".

Para esta arquitecta, artista e deseñadora colombiana, a experiencia para quen se achegue a este filme será a de "sentir o alento dos cabalos e o tremor do chan, mentres no horizonte aparecen aeroxeradores". Por este motivo, aclara,  para ela é "unha experiencia visceral sobre herdanza e progreso".