Ficciónate estrea a súa terceira edición na Illa de Arousa

Un fotograma de Matria

O primeiro ciclo galego de cinema de curta duración volve elixir a vila arousá como punto de partida para a súa xira 

O ciclo de cinema itinerante Ficciónate estrea nova edición. Será este sábado 7 de abril ás 20:00 horas no Auditorio Municipal da Illa de Arousa. Cun custo de entrada de 2 euros, esta iniciativa busca amosar o traballo dos novos talentos e alentar as novas xeracións a que produzan e creen industria creativa.

 

A Illa de Arousa será a capital galega do cinema por terceiro ano consecutivo. Nos vindeiros meses, o III Ciclo de Cinema Galego Ficciónate percorrerá distintas cidades e vilas galegas proxectando cinco curtametraxes de autoría galega estreadas nos últimos anos.

 

Lurna de Nani Matos, Quinta provincia de Miguel Canalejo, Matria de Álvaro Gago, Zugzwang de Diego Markwalder e Perversa Lola de Sonia Méndez son as cinco obras seleccionadas para esta nova edición de Ficciónate. Após as proxeccións, haberá un coloquio cos directores e representantes de cada curtametraxe.

 

Como novidade, Ficciónate incorpora ao seu programa presentacións e coloquios en centros de formación audiovisual de Galiza, ben como proxeccións alén das nosas fronteiras, realizando pases a nível estatal e internacional.