Festa no lugar onde escribía Manuel María
Trinta e seis asociacións culturais de base escolleron, por quinto ano, a carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, para compartir e celebrar o seu traballo. Organizado pola Casa Museo Manuel María, o Convivio da Cultura Galega será o sábado, 14 de xullo. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 304 de Sermos Galiza.
A carballeira de Santa Isabel é, daquela, un escenario cargado de significado para a historia da literatura. Na Casa Museo de Manuel María, a uns centos de metros do lugar, sábeno. Por iso a escolleron tamén como escenario. Pero non para escribir poemas, senón para o Convivio da Cultura Galega, un encontro do activismo cultural de base que este sábado, 14 de xullo, atinxe a súa quinta edición consecutiva. Trinta e seis asociacións, federadas en Galiza Cultura, están convocadas a unha xornada “lúdica, festiva e de convivencia”.
“No convivio hai dúas vertentes fundamentais”, explica a Sermos Galiza Alberte Ansede, secretario da fundación que leva o nome do autor de Terra Cha (1954), “por unha banda, é unha forma de homenaxear a Manuel María, porque se trata do tipo de festa que a el lle gustaba. Pola outra, queremos reunir as entidades que fan traballo cultural de base e servirmos para que estas acaden acordos máis estábeis”. O “tipo de festa” que lle gustaba ao poeta non é o outro que a romaría popular, en perigo de extinción a causa das orquestras discoteca e a homoxeneización que, segundo Ansede, levan canda si.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 304 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]