Fermín Muguruza lidera o boicot de máis de 160 grupos vascos contra Spotify
O movemento Musikariak Palestinarekin acusa Daniel Ek, propietario da plataforma, de financiar tecnoloxía militar empregada en drones de combate. O boicot supera xa as 650 adhesións.
Fermín Muguruza, figura central da música vasca e referente de compromiso social, converteuse no rostro máis visíbel do boicot a Spotify promovido por máis de 160 grupos e artistas de Euskal Herria. Xunto a el, sumáronse nomes como La Furia, Mursego ou o cantante Jon Maia, nun movemento que continúa medrando e que xa supera as 650 persoas participantes.
Muguruza decidiu retirar non só a súa discografía en solitario, senón tamén os traballos históricos de Kortatu e Negu Gorriak, nun xesto de denuncia contra o propietario da plataforma, Daniel Ek, quen —segundo expón a campaña— investiu perto de 700 millóns de euros en Helsing Defence, unha empresa alemá dedicada ao desenvolvemento de drons militares equipados con intelixencia artificial.
A presentación pública do boicot tivo lugar esta terza feira na libraría Katakrak de Iruña, onde o colectivo Musikariak Palestinarekin denunciou que o vínculo empresarial de Ek coa industria armamentística prodúcese nun contexto de agravamento da ofensiva israelí contra o pobo palestino, todo a pesar do alto o fogo asinado hai pouco máis de un mes.
"Levan máis de dous anos intensificando violentamente unha ocupación que xa era permanente. Isto, convertido en ruído de fondo, é un xenocidio", sinalaron. A revelación da inversión de Ek en Helsing foi, para o grupo, "a pinga que colmou o vaso".
O colectivo xurdiu a comezos de agosto impulsado por integrantes de dous grupos de música. En setembro formouse o grupo motor e comezaron a organizar encontros, difusión e captación de apoios. "Empezando polas amizades, chegando ás coñecidas das coñecidas, fomos sumando xente por correo, teléfono ou diante dun café", explican.
En tres meses pasaron de ser sete persoas a máis de 650. "Compartimos dúbidas e medos, pero tamén ilusión e agradecemento. Tecer as redes deu sentido ao boicot", afirman. Con todo, aseguran que "aínda non somos tantos como desexaríamos", polo que convidan máis artistas e persoas do sector a unirse.
"Para Spotify non somos ninguén"
O movemento recoñece que o impacto económico do boicot será limitado: "Os músicos de Euskal Herria non temos capacidade para afectar unha plataforma dese tamaño". Mais sosteñen que a forza da acción reside na mensaxe colectiva e na capacidade de visibilización.
"Queremos fomentar a mesma premisa na dirección contraria: que Spotify non sexa nada para nós", remarcan. E insisten en que o paso adiante é necesario ante unha industria cultural crecente dependente de plataformas dixitais vinculadas a intereses empresariais que, segundo denuncian, contradín os valores dunha parte importante da comunidade artística vasca.