Falece o fundador do grupo Filmax, o fonsagradino Julio Fernández

Julio Fernández. (Foto. Filmax)

A súa produtora informou da súa morte en Miami esta terza feira

O fundador do grupo Filmax e o seu presidente até 2010, o produtor e distribuidor Julio Fernández Rodríguez, faleceu esta segunda aos 78 anos en Miami, informou a produtora e distribuidora cinematográfica esta terza feira nun comunicado.

Nado na Fonsagrada , principiou a súa aventura no mundo do cinema en 1983, viaxando a Hollywood para traer ao Estado español longametraxe e pouco anos máis tarde adquiriu a marca Filmax.

Ao longo da súa carreira produciu decenas de películas, foi membro da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas estatal e conselleiro da directiva de Entidade de Xestión dos Dereitos dos Produtores Audiovisuais.

Tamén foi presidente da Asociación de Empresarios Galegos de Catalunya (Aegacat) e recibiu numerosos recoñecementos como a Medalla Castelao ou as chaves da cidade de Barcelona e Miami.

Na súa carreira, participou en películas como Parella de tres, Un cos ao bosc, Manolito Gafotas, Palabras encadeadas, O maquinista, Os sen nome e Darkness, entre moitas outras.

Tanto Carlos Fernández como Laura Fernández e Sandra Fernández, irmán e fillas, expresaron o seu "profundo agradecemento" pola súa dedicación, liderado e valentía coa que impulsou cada proxecto.