Falece o arqueólogo e historiador Juan Carlos Rivas Fernández-Xesta, membro da RAG

Rivas medindo a ventá xeminada da igrexa de Paradela en 1984. (Foto: Fernando del Río)
Entre os seus traballos, destacan os dedicados á historia da diocese ourensá, ao rol do Parochiale Suevorum e na monografía A Ponte Maior. A razón de ser dunha cidade: A ponte romana medieval de Ourense, na que analiza en detalle a orixe deste monumento, a súa evolución ao longo da historia e o seu impacto na conformación actual da cidade.

O arqueólogo e historiador Juan Carlos Rivas Fernández-Xesta, membro correspondente da Real Academia Galega (RAG), faleceu cuarta feira en Ourense, onde nacera en 1934. Profundo coñecedor da historia e da arqueoloxía da súa cidade na Antigüidade, foi director do Museo Municipal de Ourense desde a súa inauguración en 1987 deica a súa xubilación no ano 2003.

Recoñecido epigrafista e erudito, Juan Carlos Rivas era académico correspondente da RAG desde 1977, a proposta de Xesús Ferro Couselo, Xaquín Lorenzo e Xesús Taboada Chivite. Topógrafo de formación e funcionario municipal de profesión, o seu traballo permitiulle un coñecemento directo das antigas vías ourensás e, por extensión, da arqueoloxía e da historia ourensá nas etapas romana e prerromana. 

Formou parte desde 1961 do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, onde coñeceu o maxisterio do seu director, Xesús Ferro Couselo, e de Xaquín Lorenzo "Xocas". Participou do Grupo Marcelo Macías e en 1972 foi un dos fundadores do Boletín Auriense. Entre os seus traballos destacan os dedicados á historia da diocese ourensá, ao rol do Parochiale Suevorum e a monografía A Ponte Maior. La razón de ser de una ciudad: El puente romano medieval de Ourense, na que analiza a xénese deste monumento, a súa evolución e o seu impacto na conformación da cidade do Miño.

En 1979 recibiu o premio colectivo Otero Pedrayo polo seu traballo no seo da sección de Arqueoloxía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, distinción que lle foi concedida de novo en 1983 polo seu traballo no Grupo Marcelo Macías. No ano 2014 recibiu o Premio da Cultura Galega na categoría de Patrimonio Cultural.

A RAG expresou esta quinta feira o seu fondo pesar polo pasamento.