Falece Alberte González-Alegre, crítico e comisario de arte
Alberte González-Alegre Burgueño (Vigo, 1957), destacado crítico e comisario de arte e colaborador habitual do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o 2 de xullo aos 68 anos de idade. A súa morte supón unha gran perda para a comunidade artística galega e vén de ser anunciada polo CGAC. Na súa carreira profesional destacou tamén o período como director da Fundación Luis Seoane da Coruña, na súa primeira etapa.
Para lembrar o seu legado, Nós Diario recupera a entrevista que o xornalista e colaborador deste medio Manuel Veiga Taboada lle fixo no ano 2019 para A Nosa Terra, medio do que foi director até o 2010.
Aquela conversa, titulada "Cinco cigarros para falar de arte", permitía entrever a súa profunda concepción da creación artística como expresión crítica e reflexiva. Nela, González-Alegre repasaba a evolución da arte galega contemporánea, o papel das institucións culturais e a importancia de manter unha mirada independente fronte aos discursos oficiais. Destacaba, por exemplo, como os murais institucionais nas rúas pecaban en moitos casos dun maior academicismo do que as exposicións de arte contemporánea en numerosos museos.
Sempre cunha mirada crítica e reflexiva, en 2019 afirmaba: “O diferente é unha deriva nova. Non constitúe un progreso sobre o anterior. Se lle preguntamos a un pintor que artista o conmoveu máis, igual di O Greco, aínda que o que el pinta non se pareza en nada. E quen é mellor Caravaggio ou Piero della Francesca? É que non se eliminan entre si”.
Preguntado tamén polo peso das mulleres no mundo da arte consideraba que xa eran maioría entre as artistas. Porén, afirmaba que isto “non quere dicir que haxa un equilibrio, porque o pasado pesa moito e o peso do pasado en arte é moi grande”.
Alberte González-Alegre destacou ao longo da súa traxectoria polo seu traballo como comisario de numerosas exposicións, polas súas colaboracións en catálogos e publicacións especializadas, e polo seu labor incansábel na defensa da cultura galega desde o ámbito da arte contemporánea. Con rigor, paixón e compromiso, contribuíu a dar visibilidade a artistas e proxectos que doutro xeito terían quedado á marxe do circuíto institucional. Como afirmaba na entrevista a Veiga: “O que máis inflúe na percepción do que é ‘bo’ é a práctica de ver. É o que destrúe o tópico e o prexuízo”.
En xeral, concibía a arte como un todo, sen distinguir entre disciplinas. “Se eu derivo máis cara ás artes plásticas é por pura especialización ou devoción”. González-Alegre explicaba na entrevista para A Nosa Terra que cada vez había unha maior confluencia entre as formas da arte: “Non é raro que cando afondamos na relación cos artistas, a literatura apareza inmediatamente”.
A súa figura deixa unha pegada fonda no sistema artístico do país. Como lembrou o CGAC no seu comunicado, “foi comisario de retrospectivas sobre Lodeiro en 2007 e de Carlos León en 2014 así como das mostras Portas de luz en 2009 e Agrupar_Desagrupar en 2016”. Desde o museo quixeron lembralo como un “bo profesional” e “boa persoa”, dun “estupendo talante”. A súa ollada crítica e a súa sensibilidade foron fundamentais para construír unha visión plural e inclusiva da arte na Galiza.
Desde estas páxinas rendemos homenaxe a un profesional que soubo unir pensamento e estética e que, con optimismo, afirmaba hai seis anos a Veiga Taboada: “Se cadra estamos vivindo agora o momento no que a sociedade e arte se igualan”.