María de Vrea e o Equipo Chaira, recoñecidos co Mestra e Mestre da Memoria 2025

María de Vrea e o Equipo Chaira. (Foto: AELG)
Os premios distinguen a traxectoria e o labor daquelas persoas que teñen contribuído á preservación e transmisión do patrimonio inmaterial da nosa literatura de tradición oral.

O Equipo Chaira –grupo de investigación etnográfica formado por Mercedes Salvador, Ofelia Carnero, Xoán R. Cuba e Antonio Reigosa– e a veciña da parroquia de Folgoso (Cerdedo, Terra de Montes) María Fraíz Canaval, máis coñecida como 'María da Vrea', veñen de ser elixidos Mestre e Mestra da Memoria 2025 da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da entidade, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Antonio Reigosa, Calros Solla, Carme Pernas Bermúdez, Cesáreo Sánchez Iglesias, Félix Castro Vicente, Lois Pérez, Xosé Manuel Varela e Xurxo Souto.

Os galardóns Mestre e Mestra da Memoria 2025 recoñecen a traxectoria e labor daquelas persoas que se distinguen pola preservación e transmisión do patrimonio inmaterial da nosa literatura de tradición oral.

Equipo Chaira

O Equipo Chaira comezou a súa andaina en 1992, hai máis de trinta anos. Os integrantes, entón persoal adscrito ao Museo Provincial de Lugo, Mercedes Salvador, Ofelia Carnero, Xoán R. Cuba e Antonio Reigosa, comezaron a súa actividade co obxectivo de "facer un inventario exhaustivo, o máis completo posíbel da literatura de tradición oral dos concellos da Terra Chá".

Desde o seu nacemento, o grupo recolleu inxentes testemuños das 68 parroquias dos concellos de Abadín, Begonte e Vilalba. "O resultado daquelas campañas foron moitas horas de gravacións en cintas magnetofónicas, horas dedicadas ás transcricións que arquivamos e numerosos textos dos que chegamos a publicar unha pequena parte baixo o título Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín en 2004",

Máis aló do proxecto Terra Chá, o Equipo Chaira seguiu o seu camiño realizando traballos de campo en varias comarcas de Lugo, como é o caso do realizado na Pontenova (A Mariña) a partir de 1996, e outros con menor alcance xeográfico en Candelos, Arroxo, na Fonsagrada, e varias sesións na Casa da Fonte de Esmeriz, en Chantada. O resultado do recompilado no concello da Pontenova editouno o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo en 1998, e reeditouno en 2004, co título Polavila na Pontenova. Lendas, contos e romances.

María de Vrea

Pola súa parte, a figura de María da Vrea acubilla centos de coplas, cancións, adiviñas ou trabalinguas que superan o milleiro. Veciña da parroquia de Folgoso (Cerdedo, Terra de Montes), María Fraíz Canaval, de 92, colleu o seu nome da casa do seu nacemento, Vrea, no lugar de Covas, o 3 de agosto de 1933.

A máis nova de catro irmáns, María foi un case nada á escola. "Aprendín as catro reghras e pouco máis", porén soletreou dende cativa un moito do catecismo do labrego e da vida suxeita e sacrificada do agro. O pouco que foi valeulle para facerse cun gran repertorio en castelán: romances, cancións, oracións... A prendeuno na unitaria de Folgoso ao coidado da mestra Manuela Cachafeiro: "Liamos esas poesías nos libros, e a min quedábanme".

O acto de entrega dos galardóns que organiza a AELG terá lugar nunha gala o venres 24 de outubro no Vello Cárcere de Lugo.