Os Entroidos de Manzaneda, Vilariño de Conso e Viana do Bolo xa son Festas de Interese Turístico Nacional
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica esta quinta feira a declaración para estas celebracións de "grande atractivo turístico".
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica esta quinta feira a resolución da Secretaría de Estado de Turismo pola que se declaran os entroidos de Manzaneda (Terra de Trives), Vilariño de Conso e Viana do Bolo (comarca de Viana) como Festa de Interese Turístico Nacional.
O Ministerio de Industria e Turismo confirmou este título o pasado mes de xullo, en recoñecemento ao carácter ancestral e os valores culturais, ademais do grande atractivo turístico destas celebracións. Estes tres municipios agrupáronse e presentaron unha candidatura conxunta, polas características comúns e entrelazadas das súas 'entroidos'.
Os 'Entroidos do Oriente Ourensán' son entroidos tradicionais que se celebran nestas localidades limítrofes entre si, e os veciños de cada municipio, agrupados en 'folións' únense ás celebracións dos 'folións' dos outros municipios. A modo de embaixadas entre aldeas, concertábanse e séguense concertando visitas e intercambios con 'folións' doutras vilas.
Un dos trazos característicos máis importantes e coñecidos destas festas son as máscaras e personaxes identificativos que cada un destes Entroidos teñen en común. En Manzaneda, a tradicional mázcara, e a figura do boteiro, en Vilariño de Conso e Viana do Bolo.
Trátase dunha festividade pagá de carácter ancestral asociada ao cambio de estación, con referencias romanas, celtas ou gregas, cun grande atractivo turístico, que conta con distintas iniciativas para garantir a súa promoción, difusión e permanencia no tempo, por exemplo, o Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask que decorre en Viana do Bolo e Vilariño de Conso, un evento cultural no que se congregan as máis espectaculares Máscaras de Entroido tanto da Galiza como doutros lugares de España e doutros países como Portugal.