As editoriais galegas regresan á Liber sen o apoio da Xunta
Madrid acolle a celebración da 43ª edición de Liber, a Feira Internacional do Libro, promovida pola Federación de Gremios de Editores do Estado español. A Asociación Galega de Editoras (AGE) estará presente do 7 ao 9 de outubro na feira cos seus propios medios, debido á falta de apoio da Xunta da Galiza, e coa colaboración de Cedro e da Fundación Xistral. As editoras galegas Alvarellos, Bunker Books, Creotz Ediciones, Cumio, Dos Acordes, Ediciones del Viento, Edicións Embora, Galaxia, Hércules de Ediciones, Kalandraka, KNS Ediciones, Laiovento, Patas de peixe, Plutón Kids, Triqueta Verde e Xerais confirmaron a súa presenza e desenvolverán a súa axenda e misión comercial dentro do stand da AGE. Algunhas delas terán o seu propio posto. O 7 de outubro a AGE, da man do seu presidente, Miguel Toval, participará dentro do programa profesional de actividades da feira. Farao nunha mesa redonda que abordará 'A comercialización de libros en catalán, éuscaro, galego e valenciano: situación e perspectivas'.
Alvarellos e Creotz foran recoñecidas o ano pasado polo Ministerio de Cultura do Estado español co segundo e terceiro Premio aos Libros Mellor Editados en 2023 nas categorías Facsímiles e LIX, respectivamente, e, no marco da Liber, as dúas editoras galegas recollerán os premios da man do Ministerio. Unha das obras galardoadas foi Flor de Santidade, Historia milenaria, de Ramón del Valle-Inclán, editada por Alvarellos. Este facsímile é unha reedición do libro de 1920 e conta con ilustracións orixinais de José Moya del Pino. Aliás, contén o prólogo de Joaquín del Valle-Inclán e a introdución de Olivia Rodríguez-Tudela. O xurado valora o facsímile co segundo premio como un grande exemplar, respectuoso e honesto co orixinal.
A segunda obra distinguida, co 3º premio, na categoría LIX foi Bestiarium, de Dulce María Loynaz e Mo Gutiérrez, editada por Creotz. O xurado destaca desta edición un excelente uso do papel reciclado, salientando a tipografía lexíbel para nenas e nenos, así como unha encadernación en tapa dura cunha impresión "impecábel".
A entrega dos premios LIBER celebrarase o 8 de outubro, recoñecendo o labor das autoras e autores, das profesionais e das editoras.