As editoras galegas lembran o labor de Isaac Díaz Pardo en Ediciós do Castro
No ano en que se dedica o Día das Artes Galegas a Isaac Díaz Pardo, a Asociación Galega de Editoras conmemorou a súa figura na xornada Isaac, editor que se centrará no seu papel á fronte de Ediciós do Castro. Presidente de Honra da AGE desde o ano 2006, Isaac Díaz Pardo puxo en marcha Ediciós do Castro no ano 1963, un selo especializado na recuperación da memoria histórica da Galiza, a divulgación cultural e científica galegas, e unha das editoriais máis importantes do país no século XX.
Ediciós do Castro naceu en 1963 como parte do conxunto de proxectos do Laboratorio de Formas. A editorial foi creada como canle para reconstruír a memoria e rexenerar a identidade galega. Supuxo un medio de edición escrita no que plasmar o ideario do Laboratorio de Formas, os documentos da memoria histórica e difundir con ela traballos que seguramente doutro xeito non serían publicados.
A editorial publicou narrativa na que abundaba a crítica da sociedade do momento, ensaios sobre arte, escritos feministas como os de María Xosé Queizán, o teatro de Blanco Amor ou de Daniel Cortezón, obras historiográficas e etnográficas...
A xornada tivo lugar no auditorio do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. O programa artellouse en dúas conferencias: a de apertura, a cargo de Charo Portela –quen fora subdirectora de Ediciós do Castro e coordinadora das actividades culturais do Instituto Galego de Información até 2008–, baixo o título Isaac Díaz Pardo, editor; e a de feche, a cargo do deseñador gráfico Pepe Barro, que ofreceu unha panorámica da imaxe da edición galega até Ediciós do Castro, co lema Deseño e identidade do libro galego.