Os Diplomáticos de Monte Alto terán a súa propia rúa no barrio coruñés
Os Diplomáticos de Monte Alto terán rúa propia en Monte Alto, o barrio onde naceu o mítico grupo coruñés. Pasarán así a substituír o ex alcalde franquista Eduardo Sanjurjo de Carricarte, rexedor da Coruña entre 1963 e 1965 e que agora deixará de formar parte do rueiro da cidade herculina.
O Pazo de María Pita foi testemuña esta sexta feira da aprobación dunha moción do BNG co voto afirmativo dos nacionalistas e do PSdeG. A iniciativa, formulada pola edil Mercedes Queixas, para homenaxear "un grupo musical tan querido pola veciñanza" e para cumprir coa Lei de Memoria Histórica, recibiu a negativa do PP.
"Un represor fascista que mesmo chegou a ser poñente de sentenzas de morte nos anos 40 do pasado século non pode dar nome a unha rúa da cidade", desta maneira defendeu Queixas a retirada do outorgamento dunha rúa ao alcalde franquista Eduardo Sanjurjo de Carricarte.
En aplicación da Lei de Memoria Democrática, Queixas defendeu unha moción no pleno da Corporación municipal da cidade herculina desta sexta feira 11 de xullo unha moción para que a rúa Alcalde Sanjurjo se pase a chamar rúa Diplomáticos de Monte Alto, que finalmente saíu aprobada.
"Damos así traslado a unha proposta impulsada pola asociación cultural Alexandre Bóveda e que recolle o sentir das veciñas e dos veciños de Monte Alto e de moitos profesionais do vizoso tecido musical da cidade", argumentou a concelleira nacionalista.
Para o BNG, "é de xustiza que se lle retire esta honra a quen, alén de participar directamente no golpe fascista de 1936 e na cruel represión posterior á conclusión da guerra, foi alcalde durante a ditadura franquista", expresou a edil da formación.
Lembrou a concelleira que o nome de Eduardo Sanjurjo de Carricarte (distinguido tamén cunha escultura, un busto que se acha xusto por detrás do Pazo de María Pita) xa foi retirado do colexio que desde 2022 se pasou a chamar CEIP Torre de Hércules.
"É xa moita hora de lle retirar o nome a esa rúa e de que a nova denominación sexa a dun grupo musical tan querido pola veciñanza coruñesa, uns Diplomáticos de Monte Alto que se caracterizan polo seu compromiso coa cultura e coa creación musical en galego e tamén coa identidade popular coruñesa en xeral e de Monte Alto moi en particular", concluíu Queixas.