A Deputación da Coruña licita a musealización do Mosteiro de Caaveiro

Vista aérea do Mosteiro de Caaveiro. (Foto: Deputación da Coruña)
Co obxectivo de enriquecer a súa visita con novos contidos expositivos

A Deputación da Coruña sacou esta sexta feira a concerto público as obras de musealización do Mosteiro de Caaveiro, no concello da Capela (Eume). O orzamento previsto ascende a 342.975,21 euros e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas até o 24 de novembro. Os traballos consistirán principalmente en intervencións museográficas para acondicionar o convento nun espazo que permita unha mellor contextualización do edificio, ofrecendo á persoa visitante unha experiencia de aprendizaxe cultural sobre a Idade Media na Galiza, un dos momento de maior pulo do mosteiro. 

A instalación de pasamáns nas escaleiras para garantir a seguridade das persoas usuarias, así como facilitar a mobilidade daquelas con maior dificultade, será unha das intervencións a desenvolver. O proxecto tamén contempla a instalación dun novo feche de control de acceso ao mosteiro, co fin de diferenciar a canle de entrada e de saída. Na mesma liña, modificaranse os cadros eléctricos e instalarase unha nova iluminación que permita visualizar os novos elementos do museo. 

Finalmente, construiranse tabiques museográficos coa finalidade de tematizar o sotoandar da Casa dos Cóengos. O prazo de execución das obras será de seis meses desde a súa adxudicación. O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, sinalou que a actuación supón "un antes e un despois para o patrimonio, ademais de representar o compromiso da Deputación coa conservación e mellora dos nosos monumentos históricos". Penas engadiu que "a musealización do Mosteiro de Caaveiro implicará unha importante mellora do turismo, á altura dos galegos e das galegas".