Culturgal celebrará o 30 aniversario do Bravú coa proxección dun documental e un concerto
"É xustamente a filosofía do Culturgal: feito desde aquí, feito por nós e feito para todo o mundo" afirmou Camilo Franco, director da feira.
A sexta feira 29 de novembro, ás 21 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra, no marco do Culturgal, decorrerá a celebración do 30 aniversario do movemento Bravú coa proxección dun documental e o concerto da Orquestra Bravú Xangai.
O grupo xuvenil pontevedrés Rager, que forma parte do proxecto de Xeración Sónica, interpretará en vivo xunto á Orquestra o coñecido tema “Estou na lavadora”, canción que soaba no mítico Xabarín Club interpretada por O Caimán do Río Tea. Este espectáculo está incluído na entrada do Culturgal.
O Concello de Pontevedra acolleu esta quinta feira a presentación deste aniversario nunha rolda de prensa a cargo do concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez; Xurxo Souto, cantante e escritor; Camilo Franco, director do Culturgal; Gonzalo Maceira, responsábel do proxecto Xeración Sónica; e Ana Viqueira, de Nós Televisión e codirectora do documental Bravú XXX sobre os 30 anos deste movemento musical e cultural.
O audiovisual conta a historia do movemento Bravú nado nos anos 90 na Galiza como unha reivindicación cultural e musical, apostando por letras en galego e mesturando o rock coas tradicións rurais e a realidade urbana.
Movemento 'Bravú'
Formaban parte do movemento 'bravú' os Diplomáticos de Monte Alto, Os Rastreros, Os Impresentables ou O Caimán do Río Tea, entre outras bandas. "Hai unha xeración que non se pode entender sen o movemento Bravú", asegurou Ana Viqueira, guionista e codirectora do documental.
Xurxo Souto referiuse ao concerto que a Orquestra Bravú Xangai vai ofrecer "en Punquivedra" sinalando que "será un espectáculo único e irrepetíbel" incluso "subversivo" xa que "músicos veteranos dialogan no mesmo espectáculo con rapazas de 15 anos".
Pola súa banda, Gonzalo Maceira destacou que "para nós é unha sorte poder participar neste súper proxectazo". Tamén lembrou que Xeración Sónica é unha iniciativa de "formación en cultura" da que forman parte as mozas do grupo Rager que "están súper ilusionadas".
Tamén dixo estar "orgulloso" Camilo Franco. Segundo apuntou, "o Culturgal é unha plataforma na que pasan cousas que non poden volver suceder e que non ocorreron antes". "É xustamente a filosofía do Culturgal: feito desde aquí, feito por nós e feito para todo o mundo", concluíu.