A cultura galega enche Outeiro de Rei para homenaxear a Manuel María
A Carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, na comarca da Terra Chá, volve acoller un ano máis o Convivio da Cultura Galega, un acto promovido pola Casa-Museo Manuel María xunto á Federación de asociacións culturais Galiza Cultura.
O Convivio da Cultura Galega rexistra nesta súa XII edición máximos de participación. Un encontro, que en palabras do presidente da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, pretende ser "un acto orixinal, que combine a romaría popular coa promoción da cultura galega de base".
Ansede destaca a Nós Diario que "estes dous aspectos foron moi queridos por Manuel María, xa que as romarías están presentes na súa obra poética seguindo unha tradición que arranca dos cancioneiros e el gustaba moito delas". Ao tempo, lembra a vinculación do escritor co asociacionismo de base.
"Manuel María", continúa Ansede, "colaborou co tecido cultural de base do país e el mesmo foi presidente e fundador en 1972 da Agrupación Cultural Monforte, ilegalizada en 1973 polo franquismo".
Os actos do convivio da cultura galega arrancaron ás 11:15 no auditorio da Casa-Museo Manuel María cunha actuación da coral compostelá Solfa. A continuación, os asistentes desprazáronse ao cemiterio de Outeiro de Rei para render unha homenaxe a Manuel María e á súa compañeira Saleta Goi, onde interveu Alberte Ansede.
Alberte Ansede deixou constancia na súa intervención da "vixencia da obra de Manuel María tal é como confirma a súa presenza nas aulas, nas librarías, nos fogares". A este respecto, apuntou que "está presente na sociedade porque a súa obra ter a virtude de ser útil para calquera situación importante".
"O compromiso de Manuel María e Saleta"
O presidente da Fundación Manuel María destacou "o compromiso de Manuel María e Saleta co país, coa súa lingua e coa súa cultura e a ética co que se comportaron ao longo de toda a súa vida".
Unha vez rematado o acto no cemiterio, a xornada trasladouse á Carballeira de Santa Isabel, onde ás 12:30 comezou a actuación Banda Xuvenil de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, Sons e Soños, que estivo acompañada pola cantareira, mestra e investigadora da música galega, Branca Villares.
A festa continúa pola tarde cunha foliada conducida por Xurxo Souto con actuacións de música de Mestura de Nete, Foliadeir@s do Castro, Música na Eira, Tradivivas Agra, Reviravolta e Parabéns.
Encontro de asociacións
A federación Galiza Cultura reuniu coincidindo co encontro máis de 30 entidades culturais na Casa-Museo Manuel María para analizar a situación do tecido asociativo e definir novas liñas de actuación para o vindeiro ano.
A entidade, presidida por Xosé Manuel Carril, marcou diversas propostas de traballo que se desenvolveran nos vindeiros meses.