Crónica desde o Festival de Cannes: A lusofonía toma o Paseo da Croisette á espera da Palma de Ouro

Pazo de Festivais e Congresos no Paseo da Croisette, este 23 de maio. (Foto: Xoán Domínguez)
Mentres o Paseo da Croisette agarda en Cannes a entrega da Palma de Ouro, facemos un repaso pola participación lusófona na edición deste ano do festival.

A poucas horas de coñecer o palmarés oficial desta 77ª edición, a Croisette vive unha acelerada tensión, alimentada polas apostas e os rumores. Mentres as cámaras e os focos xa apuntan á gala da noite deste sábado, aproveitamos para destacar a forte presenza lusófona neste Cannes, cun cinema comprometido coa memoria e coa estética.

Unha das grandes favoritas ao premio é O Agente Secreto, thriller político do brasileiro Kleber Mendonça Filho, xa recoñecido en Cannes por obras como Bacurau (2019) ou o documental Retratos Fantasmas (2023), onde homenaxeaba as salas de cinema perdidas da súa Recife natal. É tamén nesta cidade do norte do Brasil onde se ambienta a súa nova longametraxe, un relato de espionaxe ambientado na ditadura dos anos 70, protagonizado por Wagner Moura no papel de Marcelo, profesor perseguido polo réxime.

Entre o suspense clásico, o humor negro e o body horror, Mendonça compón un retrato estilizado e crítico do pasado recente do Brasil, mesturando cores saturadas, arquivos reais e máscaras carnavalescas que borran as fronteiras entre realidade e pesadelo. A súa candidatura á Palma de Ouro está facendo as delicias de amantes dun cinema cunha postura política firme e un estilo desenfadado, con recursos formais que lembran ao virtuosismo de Steven Spielberg ou Brian De Palma.

Propostas potentes

Mais o pulso lusófono do festival non se limita á competición principal. Na sección oficial de curtas internacionais, Portugal ofreceu dúas propostas tan singulares como potentes. Argumentos a favor de amor, de Gabriel Abrantes, aposta pola animación para construír unha serie de discusións de parella entre espectros, baseadas en conversas reais. Con voces de Inês Castel-Branco e Jack Haven, o filme é unha comedia negra e lírica sobre a persistencia do conflito nas relacións, mesmo despois da morte.

Pola súa parte, A Solidão dos Lagartos, de Inês Nunes, propón unha viaxe sensorial por un balneario rodeado de montañas de sal. Alí, mentres os traballadores recollen cristais brillantes baixo o sol, os visitantes abandonan lentamente os seus corpos ás fantasías que habitan o espazo. Entre o retrato satírico do turismo á Martin Parr e a atmosfera densa e abafante de La ciénaga, de Lucrecia Martel, Nunes ofrece un cinema onde o tempo se dilúe e os corpos flotan. A peza foi unha das máis aplaudidas da sección.

Fóra de competición, a película Magalhães, do filipino Lav Diaz e con participación portuguesa, francesa e española, ofrece unha visión desacougante da expedición do famoso navegante. A través dunha fotografía barroca e “caravaggista” asinada por Artur Tort, Diaz constrúe unha epopea que é, ao tempo, unha denuncia do imperialismo e unha reflexión sobre a soberbia do conquistador branco. Con planos longos, silencio e un claroscuro colorista, Magalhães retrata non só unha viaxe histórica, senón o abismo moral dunha época e dun personaxe con máis sombras que luces encarnado aquí por Gael García Bernal.

Nesta edición, lembramos que compiten pola Palma de Ouro a galega Romería, de Carla Simón —esencia galega para fechar a súa triloxía familiar— e Sirat, de Oliver Laxe, unha historia de procura e deserto que podería sorprender no palmarés. Xunto a elas, Sentimental Value, de Joachim Trier, e Un simple accident, de Jafar Panahi, son outras das favoritas –se a inmensidade da Resurrection de Bi Gan non dá a sorpresa– dun ano especialmente político e esteticamente audaz.