Narf, o elemento estraño que fecundou o rock galego
Os Quinindiola, Nicho Varullo e Psicofónica de Conxo son tres dos conxuntos que fixeron parte do ADN do músico e compositor compostelán.
En toda escena da música pop e rock hai unha cara A, formada por grupos coñecidos ou recoñecidos, e unha cara B, composta daqueles grupos que habitan e medran nas marxes. En toda escena agás en Galiza, onde todo é unha inmensa cara B. Mais é nas caras B onde xorde o pentagrama torto, que é o pentagrama que leva a novas posibilidades rachando coa comodidade. Narf estivo presente en tres grupos que representaron como poucos a posibilidade de novos pentagramas tortos na música galega: Os Quinindiola, Nicho Varullo e A Psicofónica de Conxo.
Acabou Os Quinindiolas e chega Nicho Varullo. Palabras maiores, moi maiores. Post-punk, poesía, zona vella picheleira. Hai un momento en que o rock galego opta por deixar claro que non é unha brincadeira. E aí estaban Os Nicho, a finais dos 80 e principios dos 90, removendo a terra que pouco despois explotaría na escena hardcore compostelá, de Fame Neghra a Dirty Barriguitas e Os Túzaros, entre moitos outros.
Mais agora estamos a falar de Nicho Varullo. Carlos Santiago e Narf como alicerces. Un disco publicado nun selo montado grazas aos cartos que Xelís de Toro gañara nun certame literario de Lugo: Spectra. Aí se editou o único disco de Nicho Varullo, unha xenialidade en cartón con deseño de Fausto C. Isorna. Compostela, daquela, comezaba a molar, como un día escribiu Mario Regueira. 'Casco Vello', 'En tu látigo' ou 'Llegó el polaco' son algúns dos 7 temas dese traballo, xa para sempre un clásico do rock de Galiza. Había post-rock, había poesía. E había, tamén, pentagramas tortos.
Como Os Qunindiola, Nicho Varullo morreu sen pena nin gloria ante os ollos da elite cultural galega. Grazas a deus, non soportariamos esa mediocridade, que diriamos parafraseando a The Pogues. Mais non acaba aí o ADN de Narf, o pulso por explorar e debullar nas marxes do pop e rock desde Galiza. Naceron, a finaos dos 90, Psicofónica de Conxo. Fran Pérez , Pepe Sendón, Carlos Santiago, Xavier Olite, Suso Alonso e Marcos Teira. Unha aposta tan afouta como marabillosa, que durou até 2005. Outra vez esas letras. Outra vez esas músicas. E outra vez, ese pentagrama torto.