O Consello Galego de Museos mostra preocupación polo destino da colección de Álvaro Gil

Torques

O Consello Galego de Museos mostra a través dunha nota de prensa a súa preocupación pola retirada da familia de Álvaro Gil Varela da súa colección artística do Museo de Lugo. 

“A retirada deste depósito, do que forman parte algunhas das máis sobranceiras expresións da ourivería máis antiga de Galiza, supón un grave menoscabo para o noso Patrimonio Cultural”, sinalan na nota de prensa do Consello Galego de Museos.

A xuntanza de responsábeis de Museos Galegos destaca tamén a “dimensión social inalienábel” do patrimonio que, ao seu ver, ten que cumprir a función e “contribuír á formación, o coñecemento e o deleite de todos os galegos”. Temen, polo tanto, polo destino non só da colección de Álvaro Gil -da que non se coñece o seu paradeiro final nin se vai estar á dispor público- e tamén das das antigas Caixas de Aforros. Diante desta situación, fan notar que as “institucións públicas, as entidades culturais e a sociedade civil non poden permanecer indiferentes”. 

O Consello Galego de Museos fai notar tamén a “satisfacción” polo recoñecemento co Premio da Cultura Galega 2013 ao Castro de Viladonga, un dos fundadores da entidade.