O Concello de Santiago pide a Patrimonio aclaracións sobre as intervencións nas gárgolas do Hostal dos Reis Católicos
O Concello de Santiago solicitará á Xunta que confirme se a colocación de tubos metálicos nas gárgolas do Hostal dos Reis Católicos estaba incluída no proxecto de restauración autorizado, nun contexto de debate sobre a intervención nun Ben de Interese Cultural.
O concelleiro de Urbanismo do Concello de Santiago, Iago Lestegás, afirmou que solicitarán á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que confirme se os tubos metálicos instalados nas gárgolas do Hostal dos Reis Católicos estaban incluídos no proxecto de restauración autorizado. A preguntas dos medios, o responsábel local explicou que estes elementos se colocan para resolver “problemas de humidades”.
En todo caso, lembrou que o Hostal é un Ben de Interese Cultural (BIC), polo que a autorización “non está delegada no Concello”, senón que é o departamento autonómico “quen debe autorizar calquera intervención sobre este elemento”. “A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural autorizou o proxecto básico de execución da intervención nas fachadas do Hostal; o Concello concedeu a licenza de acordo con esa autorización e, nesa resolución de abril de 2024, indícase que a colocación destes elementos é necesaria por esta problemática das humidades. Mais tamén se sinala que a forma específica de colocación deberá recollerse nun proxecto de restauración, que tamén debe ser autorizado pola Dirección Xeral”, expuxo.
De feito, continuou Lestegás, a licenza concedida polo Concello “estaba tamén condicionada á presentación dese proxecto de restauración ante a Xunta e á súa correspondente autorización por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural”.
Por todo isto, o concelleiro avanzou que solicitarán a Patrimonio Cultural que confirme que ese proxecto foi autorizado e que contemplaba “esta solución específica”, que —insistiu— “responde a unha problemática de humidades”. Así mesmo, o edil compostelán salientou que esta solución xa se empregou noutros edificios da capital galega, como a Catedral de Santiago de Compostela ou a fachada da Inmaculada.