Comeza o festival AMAL ollando cara ao xenocidio en Palestina
Inaugurouse coa proxección do documental 'This is Gaza'
A Fundación Araguaney inaugurou esta segunda feira a Semana de Cine Euroárabe AMAL que anualmente organiza en Santiago, co obxectivo de dar a coñecer a situación actual do audiovisual árabe e ofrecer un punto de partida para o descubrimento de cuestións de interese sobre o mundo árabe. O AMAL 2025 desenvolvese até a sexta feira no Teatro Principal coa exhibición de cinco cintas –catro documentais e unha longametraxe–.
Na xornada inaugural de onte proxectouse o documental This is Gaza, que mergulla os e as espectadoras en pleno xenocidio a través dos ollos de Yousef Hammash, un xornalista palestino cuxa vida en Gaza se transforma de forma irremediábel. Á proxección asistiron o propio Hammash, protagonista do documental, e a xornalista galega Olga Rodríguez, así como o director de AMAL, Ghaleb Jaber; a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e o conselleiro de Cultura, José López Campos. "É intolerábel que, desde un mundo que se di civilizado, deixemos que isto ocorra. Pídovos a todos que fagamos todo o posíbel para deter esta barbarie televisada e en directo ante os ollos do mundo", dixo Jaber no seu discurso inaugural.
O AMAL proseguirá hoxe ás 9 horas no Teatro Principal co documental Janin, Jenin, do director palestino Mohammad Bakri, coñecido por explorar a identidade, a memoria e a resistencia palestina nas súas obras. Na peza, filmada após a ofensiva militar israelí de 2023, o director retoma o fío da súa experiencia previa, con entrevistas de novo a quen apareceran no documental orixinal publicado en 2022, e recolle novos testemuños directos. Posteriormente haberá un coloquio co actor Saleh Barkri, fillo do director do documental.