Colecciónabel dos mosteiros do Reino da Galiza: unha viaxe pola historia dos cenobios medievais máis senlleiros

Capas do coleccionábel 'Mosteiros medievais senlleiros do Reino da Galiza'. (Foto: Nós Diario)
A primeira entrega será o sábado 18 de outubro, cun fascículo introdutorio especial de 16 páxinas cos obxectivos, criterios de escolla de cenobios e glosario de termos.

Será a partir do sábado 18 de outubro cando Nós Diario comece a lanzar un coleccionábel de 20 fascículos sobre 'Mosteiros medievais senlleiros do Reino da Galiza'. Aínda que nas súas páxinas citaranse numerosas casas monásticas, dezaoito han ser as tratadas con rigor e actualidade. O autor, Héitor Picallo, analizou non só obras clásicas de diversa autoría –de García M. Colombás, Hipólito de Sá, Ernest Zaragoza ou Damián Yáñez Neira– senón que tamén botou man de investigacións recentes como as de Xosé M. Andrade Cernadas, Iria Blanco Brey, Miguel García-Fernández, Anselmo López Carreira... Pero incluso consultou documentos orixinais, conservados en distintos arquivos galegos e do Estado, amais dunha manchea de coleccións diplomáticas, teses de doutoramento e obras sobre arquitectura relixiosa. É por iso que creu oportuno elaborar dous glosarios para comprender mellor o explicado: un vinculado co monacato e outro coa arquitectura.

Para afrontar o proxecto, o autor visitou numerosos cenobios coa intención de observar as súas particularidades e fotografar cada un deles. A seitura que nace disto resulta ben acaída, pois na súa clasificación non só ten en conta o primitivismo dos edificios, senón tamén a sinxeleza de templos rurais ou a monumentalidade das grandes abadías. Haberaos que puideron xurdir canda a época de Martiño de Dumio, na de San Froitoso de Braga ou no momento da expansión pola Galiza da orde bieita. Alén disto, tamén gustou de escoller mosteiros cistercienses e cluniacenses. Tivo en conta, asemade, aqueles de tipo dúplice –onde convivían dúas familias regulares distintas, unha de homes e outra de mulleres–, os chamados familiares –pertencentes a unha casa nobre local ou de importancia galega–, pero tamén foi sensíbel ás cuestións de xénero: mergullará en comunidades femininas e masculinas.

Héitor Picallo entrega incluso varios debuxos da súa autoría, algúns dos cales puido elaborar após visitar eses cenobios. Os contidos abordados non serán unicamente de índole histórica e arquitectónica, pois como adoita acontecer nos seus traballos forneceranos cuns apartados sobre arqueoloxía e antropoloxía cultural. Neste último fará referencia a distintas obras literarias –clásicas ou contemporáneas– en cuxas páxinas se fai mención dun ou doutro mosteiro. Pero tamén ten presente a visita de debuxantes arqueolóxicos –por exemplo, Enrique Campo– e de persoas atraídas polo monumento en cuestión –frei Martiño Sarmiento, Filipe de la Gándara e Ulloa, Catherine Gasquoine Hartley, entre outras–. A orde de publicación, desta volta, non será alfabética como ten acontecido noutros casos, pois Picallo preferiu ir lanzando cada fascículo en base ao texto –paleográfico ou epigráfico– máis vetusto. Así as cousas, aínda que algún mosteiro poida contar cunha antigüidade maior, o criterio cronolóxico fundaméntase no texto máis pretérito conservado ou documentado. A selección comeza con Rocas e continuará con Samos, Ferreira de Pallares, San Martiño de Fóra (ou Pinario), Carboeiro, Bande, Sobrado dos Monxes, Eiré, Rebordáns, Ansemil, O Couto, Ramirás, Ferreira de Pantón, Sobrado de Trives, Moraime, Aciveiro, Oseira e Armenteira.

Alén das numerosas axudas prestadas por distintas persoas, Picallo quixo subliñar as de Carlos Baliñas, Augusto Guedes, Anselmo López Carreira, Andrés López Calvo, Leonardo Lemos Montanet, Eva R. Liñeira, Martiño Picallo, Damián Porto Rico e Calros Solla.

De terza a sexta feira, de obsequio con 'Nós Diario'

Nós Diario achega, do 18 de outubro ao 20 de novembro, unha selección dos máis relevantes mosteiros entre os máis de cincocentos trinta altomedievais nos lindes da actual Galiza. A primeira entrega será o sábado 18 de outubro, cun fascículo introdutorio especial de 16 páxinas cos obxectivos, criterios de escolla de cenobios e glosario de termos. E, despois, os fascículos entregaranse de terza a sexta feira, co último número recollendo as conclusións e agradecementos dun traballo tan coidado.