O Chanfaina Lab cociña novas ferramentas para seguir facendo cine no rural

Oliver Laxe durante o obradoiro de onte en San Sadurniño.

O Chanfaina Lab ten algo de labrego e algo de laboratorio. Para empezar, o nome. A chanfaina é o prato típico de San Sadurniño, unha mestura de partes do porco que se combinan nunha tripa. O Chanfaina, o festival, é un experimento que mestura xente do rural, xa non moi moza, enténdese, e moi afastada das novas tecnoloxías, con xente criada na técnica e con destrezas que compartir. 

Oliver Laxe, cineasta mozo e famoso, impartiu un obradoiro na clausura do Chanfaina onte en San Sadurniño, a cuarta edición. “Unha persoa próxima, unha marabilla, un director que vén a coñecer e a ensinar”, explicaba pola tarde, antes de empezar a sesión, Sabela Íñiguez, concelleira nacionalista en San Sadurniño, responsable de Cultura e do festival. “Somos xente sinxela, que até hai un tempo pensabamos que as nosas historias non interesaban, pero empezou a vir esta xente a retratar San Sadurniño desde unha mirada de fóra e empezamos a mirar como nos vían, o feo e o bonito, e a pensar que si, que as nosas historias tamén interesan e mesmo podemos contalas nós”, di Sabela para explicar a xénese do festival, que non é unha rareza no país, hai outros, o festival de cine rural Carlos Velo, por exemplo, cita Sabela. 

 

Este ano polo Chanfaina pasaron María Yáñez, que impartiu un taller, Folclore dixital, sobre memes e gifs; o portugués Carlos Viana, para falar de cine rural no país veciño; e Belén Montero e Juan Lesta cun curso acelerado de edición de vídeo, catro horas. “A cousa é que o ano pasado tivemos a unha psicóloga e a unha directora que nos ensinaron a mirar”, explica Íñiguez, “e a xente xa deu en facer gravacións e demandaba que lles ensinaran a editar”.

 

Pasou máis xente. Tamén Ana Pontón, estrela inesperada. A portavoz nacional do BNG dedicou a fin de semana a facer gravacións, “con mulleres e na estación, non sei máis”, di a concelleira, “o resultado verémolo en febreiro, cando se rematen as pezas deste ano e se presente a seguinte edición”.

 

O Chanfaina empezou antes de nacer na aula CEMIT coa que o concello quixo animar á veciñanza a interesarse polas cousa das novas tecnoloxías. Ao principio custou, confesa Íñiguez, “era un simple programa de alfabetización dixital que derivou nun proxecto de fotografía e vídeo sobre a memoria do lugar e despois, por fin, no Chanfaina Lab”.

 

A mestura de técnica e tradición produciu xa novas aperturas. Un documental de Xisela Franco con mulleres que se dedicaban “á casa e á horta” serviu para arrancar o proxecto Teño unha horta en San Sadurniño no que Consuelo Picos, Cruz Piñón, Lucía Pita, Carme Couce e Carme Bouzas, veciñas e cineastas, explican a través de YouTube como se planta unha leituga ou como se coida, limpa e traballa a terra. Uns saberes que parecen hoxe tan afastados da xente de ámbitos urbanos como parecían hai anos as TIC das veciñas de San Sadurniño.

 

Oliver Laxe, premiado en Cannes, subliña o programa, deu onte a esas veciñas e veciños unha charla sobre o cine que se fai no rural titulada O cinema da soberana submisión. Non se sabe se asistiu Pontón, a cineasta.

 

A foto interior corresponde ao obradoiro de María Yáñez, de pé, a primeira pola dereita. Fotografías cedidas pola organización.