O Centro Galego de Lisboa lembra o 'cura do Cebreiro', Elías Valiña, no 35 aniversario da súa morte
Foi o artífice das xa mundialmente coñecidas frechas amarelas para indicar o camiño a Santiago.
O Centro Galego de Lisboa foi este sábado o escenario dunha homenaxe a Elías Valiña, cura párroco do Cebreiro (Os Ancares) entre 1957 e 1989, e un dos principais impulsores da recuperación do Camiño de Santiago.
Durante o acto inaugurouse a exposición de fotografía O camiño de Elías Valiña e proxectouse o documental Elías Valiña. El inventor de las flechas amarillas, dirixido por Aser Álvarez. Ademais, o tributo foi retransmitido a través da canle de podcast La flecha amarilla.
Con esta homenaxe, levada a cabo co gallo do 35 aniversario da morte de Valiña, renderon memoria a un dos grandes impulsores da recuperación das peregrinacións a Santiago de Compostela a finais do século XX.
Elías Valiña Sampedro foi sacerdote e teólogo, párroco no Cebreiro, desde a súa ordenación sacerdotal en 1957, até a súa morte en 1989. Dedicou gran parte da súa vida ao coidado e ao estudo das peregrinacións xacobeas, converténdose nun dos principais artífices da recuperación do Camiño de Santiago.
A súa preocupación centrouse non só na difusión do Camiño, senón tamén no coidado e atención aos peregrinos, fomentando a creación de albergues e espazos de acollida.
Desempeñou o cargo de comisario do Camiño de Santiago e editou a revista Boletín do Camiño de Santiago, reconvertida pouco despois na revista Peregrino, que aínda hoxe edita a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.
Tamén se ocupou da sinalización do Camiño, sendo o primeiro en pintar as xa históricas frechas en cor amarelo, símbolo hoxe mundialmente coñecido.