O legado de Rosalía de Castro perdurará nunha 'cápsula do tempo'

Luis García Montero, Rosario Álvarez, Pedro Sánchez e Francina Armengol, depositando o 'legado' de Rosalía na Caixa das Letras. (Foto: CCG)
O Consello da Cultura Galega, da man da súa presidenta, Rosario Álvarez, deposita as obras da autora galega máis universal na Caixa das Letras do Instituto Cervantes de Madrid.

A sede do Instituto Cervantes acolleu esta segunda feira o acto conmemorativo do Día Europeo das Linguas, no que a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, depositou o legado "material e simbólico" de Rosalía de Castro na Caixa das Letras. No evento presentouse tamén a versión multilingüe do poema Grito hacia Roma, de Federico García Lorca, e, aproveitando a coñecida conexión entre Lorca e a poeta galega, Rosario Álvarez depositou ese legado "dunha muller poeta, dunha categoría literaria e un pensamento revolucionarios".

A Caixa das Letras é unha 'cápsula do tempo' do Instituto Cervantes que garda obxectos relacionados coa ciencia, as artes e as letras da cultura do Estado español e que, desde esta segunda feira, conta cun exemplar de Cantares Gallegos e un facsímile da primeira edición de Follas Novas. Álvarez tamén depositou un exemplar de O herbario de Rosalía, acompañado por unha colección de láminas, xunto a un audiovisual inédito no que as láminas van acompañadas por un recitado profesional.

Outro dos obxectos que forman parte do conxunto é un disco de vinilo de Amancio Prada, Rosalía de Castro-Amancio Prada (1975), cunha dedicatoria que o cantautor fixo expresamente para a ocasión, así como un estoxo coas seis cancións galegas de Lorca.

A iso súmanse varios libros de ensaios de diferentes intelectuais galegos e portugueses de 1952 dedicados á poeta galega, unha copia dunha conferencia pronunciada por Luís García Montero con motivo do 150º aniversario de Cantares Gallegos, un libro-disco de poetas galegas contemporáneas 'dialogando' con Rosalía, un moníptico cedido pola Asociación Astronómica Ío que permite localizar a estrela Rosaliadecastro (bautizada en decembro de 2019), unha camiseta coa imaxe de Rosalía de Castro deseñada por Pablo Rodríguez e Xosé Miranda, e unha chapa coa rosa de cen follas.

Durante o acto, a presidenta do Consello da Cultura Galega fixo alusión á conexión entre Lorca e a lingua e a cultura galegas, así como a relación con Rosalía. Rosario Álvarez, que interveu no acto en galego, subliñou que esa lingua e esa cultura queda depositada na Caixa das Letras a través "da figura galega máis universal, reverenciada por todos e todas, sempre admirada e nunca cuestionada, orgullo dun pobo enteiro".