A Cátedra Rosalía de Castro desvela datos inéditos da vida da escritora

Xurxo Martínez e Miguel Anxo Seixas, este 11 de decembro. (Foto: Cátedra Rosalía de Castro)
A USC acolleu a I Xornada Avances na biografía de Rosalía de Castro.

Compostela acolleu esta quinta feira a I Xornada Avances na biografía de Rosalía de Castro, organizada pola Cátedra Rosalía da USC, un encontro que reuniu especialistas que achegaron novas lecturas sobre a vida da escritora e o seu contexto cultural.

Trala apertura por parte do decano da Facultade de Filoloxía, Elias Jose Feijo Torres, e a equipa da Cátedra Rosalía de Castro integrada por Fernando Cabo Aseguinolaza e a súa directora, María do Cebreiro Rábade, a xornada comezou co relatorio de Luis Miguel Fernández. O doutor en Filosofía e Letras e profesor titular de Literatura Española da USC defendeu que a estancia de Rosalía en Madrid entre 1855 e 1858, á que puido acceder grazas á relación coa familia Lugín Castro, foi determinante: permitiulle intentar vivir da literatura, estabelecer contactos esenciais e intimar con Murguía, decisivo no devir do Rexurdimento. Fernández subliñou que esta viaxe non incluíu a súa nai —como ás veces se afirmou— e que foi o período máis longo en que Rosalía permaneceu separada dela.

O investigador e doutor en Filoloxía Galega pola UVigo Xurxo Martínez centrouse nos últimos anos da autora e no debate social suscitado pola súa doenza e precariedade. Analizou tamén intentos reiterados de minimizar o papel de Rosalía na defensa da lingua e da identidade galega fronte ao centralismo. Martínez lembrou, aliás, que a imaxe dunha Rosalía triste responde máis a lecturas interesadas que ao que transmitiron testemuñas próximas.

O historiador e presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, falou dunha Rosalía "anfitrioa", figura que abre camiño e acolle xeracións posteriores. Revisou a correspondencia de Murguía, que revela o amplo coñecemento que Rosalía tiña da vida cultural da época. Tamén abordou aspectos pouco tratados, como os abortos, o apoio das amas de cría ou a súa destacada habilidade culinaria.

No feche, Dolores Vilavedra, responsable do Fondo Rosaliano María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, custodiado pola Biblioteca da USC, destacou a relevancia do fondo para esclarecer cuestións decisivas: a relación coa nai, a vocación teatral ou a filiación confirmada grazas ao testamento de Martínez Viojo.